Novas
«A propósito da “pertinaz seCa"» por Francisco Díaz-Fierros
- Compartir
O Ministerio de Cultura vén de recoñecer a obra de Miguel Ángel del Arco La hambruna española(Crítica, 2024) co Premio Nacional de Historia e da que tivemos puntual noticia este mesmo ano nunha excelente conferencia que o autor impartiu no Ateneo de Santiago o 9 de febreiro (“A fame silenciada do franquismo”). É un feito que cómpre sinalar porque amosa unha vez máis o sentido da oportunidade e os atinados criterios desta institución, á que me honro pertencer, na selección dos temas que se tratan nos Luns do Ateneo. Pero, así mesmo, interésame achegar unha aclaración con relación a un argumento que se desenvolveu no libro e que tamén foi recollido no fallo do xurado sobre a suposta realidade da “pertinaz seca” da que tanto falou o réxime e o mesmo Caudillo, para xustificar eses anos de penuria (Desmitifica los argumentos de un régimen que intentó justificar los llamados “años del hambre”- entre 1939 y 1952 – apelando a los desastres de la guerra, al aislamiento internacional y a la supuesta “pertinaz sequía” recollían as actas do xurado).
O día da conferencia en Santiago procurei informarme previamente, como adoito facer ás veces, sobre algún aspecto desta e que neste caso se refería a se as precipitacións deses anos da “pertinaz seca” supoñían un mito máis que unha realidade como xa adiantara Del Arco nunha entrevista que lle fixera un xornal galego. Sorprendentemente, decateime de que os datos amosaban todo o contrario, coa evidente escaseza de chuvias que se apreciaba na época. Así llo fíxen saber ao conferenciante ao final da súa intervención quen, despois de agradecerme a información e mostrar así mesmo a súa estrañeza, me sinalou que a información lla dera “un paleoclimatólogo catalán”. Posteriormente, ao consultar o libro sobre o que baseou a súa conferencia puiden deducir que, con toda probabilidade, se trataba de Mariano Barrientos, un prestixioso investigador da Universidade de Barcelona, especializado na reconstrución de climas históricos a partir de fontes documentais.
Para o estudo científico das secas existen fundamentalmente dúas metodoloxías: unha, baseada en procedementos “paleo”, como son o estudo dos documentos escritos (p.e. as rogativas Ad petendam pluviam), ou a dendrocronoloxía, que utiliza a análise dos aneis das árbores. A outra, emprega as medidas instrumentais, maiormente de precipitación con pluviómetros, así como diferentes índices para caracterizar as dimensións da seca. A primeira se utiliza preferentemente para coñecer o clima anterior á introdución dos métodos instrumentais, que na maioría dos países ten lugar na segunda metade do século XIX e que, obviamente, ten moita menos seguridade e precisión para afondar no coñecemento das secas máis actuais, para as que os datos instrumentais e os índices derivados son o método máis seguro e recomendado.
En España, a pesar de ser un país netamente mediterráneo e cunha incidencia importante das secas, non foron tan ben estudadas como outros fenómenos meteorolóxicos extremos. Aínda así, a “pertinaz seca” non pasou inadvertida, primeiro como crónicas dos xornais da época que falaban de que o Ebro perdera o seu caudal ou que o Manzanares desaparecera como río e logo, sobre todo, nos beneméritos calendarios meteoro-fenológicos do Servicio Meteorológico Nacional, que afirmaban nun traballo de 1946 sobre “La gran sequía agrícola, 1944-45” que ha sido de las más terribles que se han padecido en España desde 1860, época en la que comenzaron las observaciones pluviométricas. Pero será sobre todo a partir da importancia que foi adquirindo nas últimas décadas todo o relacionado co cambio climático cando comezaron a proliferar os estudos históricos baseados en medidas instrumentais sobre as secas españolas. De todos eles, o que merece a miña maior consideración é o publicado en 2024 na prestisioxa revista Nature por un equipo do CSIC e a Universidade de Zaragoza (“Catalogue of drought events in peninsular Spanish along 1916-2020 period”). Para avaliar as secas utiliza, como adoitan facer os traballos máis rigorosos e actuais, o SPI (Standarized Precipitación Index) aplicado á base de datos meteorolóxicos MOPREDAS Century, do CISC, que ten unha resolución espacial de 10x10 km. Os datos referentes á seca do período 1944-46, que se corresponden coa época da “pertinaz seca”, aparecen reflectidos nas gráficas seguintes:

A gráfica superior amósanos os valores do índice SPI 12, correspondente ao conxunto dos doce meses do ano e revela que desde comezos do ano 1944 se inicia unha seca que a finais do ano 1945 acada os valores máximos deste índice, correspondentes ao que nesta escala internacional se denomina como unha “seca extrema” (con valores inferiores a -2), que remataría xa na primavera do ano seguinte. A gráfica inferior recolle a fracción da superficie española afectada pola seca que, como se pode observar, desde finais da primavera do 45 supera xa o 75%. Mesmo Galicia se veu afectada seriamente pola seca que chegou ao sur da comunidade ao principio e ao norte no final do período considerado.
Parece, pois, que estamos diante dunha intensa “sequía” que para algúns autores estaría entre as dúas máis importantes do século XX en España. Pero tamén habería que engadir que estamos diante dun fenómeno “pertinaz” pois, segundo o mesmo traballo de Nature no que clasifican e analizan 40 secas españolas, a de 1944-46 xunto coa de 1948-51 serían as da máxima duración do período estudado (de 1916 ao 2020), con 27 meses seguidos de seca. Ademais, non se pode esquecer que os danos que provocan as secas van depender tanto da súa intensidade como da súa persistencia no tempo.
Finalmente, habería que comentar que nalgunhas crónicas da época se falaba de que as colleitas de trigo chegaron a minguar case o 50%, dato que habería que coller con moita precaución pois, como xa se ten sinalado repetidamente, as estatísticas agrarias deste período posbélico son pouco fiables tanto polas numerosas ocultacións detectadas, como polo escaso rigor dos métodos empregados na recollida de datos. Posiblemente no futuro, cos traballos que se están a desenvolver en diferentes países sobre a relación de índices como o SPI e outros coas producións de cereais, se poida chegar a inferir, cos modelos axeitados, os rendementos agrícolas deste singular período da historia recente de España que foi definido, e agora se ve que con razón, como o da “pertinaz seca”.
Aínda que este fenómeno hidrolóxico extremo non fora tan suposto e imaxinado como afirmaba Del Arco no libro La hambruna española, así como na conferencia do Luns do Ateneo citados, a miña persoal opinión é de que estamos diante dunha moi valiosa achega para o coñecemento da historia social española, con testemuñas estremecedoras a partir dunha moi abonda bibliografía que as sustenta. Escrito cun estilo áxil e directo, a súa lectura faise doada e apaixonante. En definitiva, unha obra que ben merece o recoñecemento deste valioso premio estatal que motivou este artigo de opinión.