Descubrindo o Alto Miño portugués: Melgaço e Monção, vilas do alvarinho
- Data
- Sábado, 7 de novembro de 2026
- Máis información
Unicamente se rexistrarán as inscricións a través do enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.gal (non se rexistrará ningunha inscrición por teléfono, whatsapp ou outros medios que non sexa o indicado). A data límite para anotarse é o xoves, 29 de outubro, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude.
O sábado, 7 de novembro, o Ateneo de Santiago realizará un roteiro polo Alto Miño portugués, que inclúe visitas a Melgaço e Monção, vilas do viño alvarinho.
PROGRAMA:
8.00h (hora galega) - Saída da Rúa da Rosa de Santiago
9.00h (hora portuguesa) - Chegada a Melgaço e café. Paseo pola vila e visitas:
- Castelo: fortaleza medieval, principal defensa raiana do Alto Miño no século XII e sentinela máis setentrional de Portugal, mandada construír por Afonso Henriques en 1170. Durante a guerra da Restauração da independencia portuguesa (século XVII), recibiu liñas abaluartadas que envolveron o recinto medieval. Declarado Monumento Nacional en 1910, presenta planta circular, pouco común no país, dividida en tres recintos. As murallas, onde se rasgan dúas portas, rematan en ameas prismáticas e están reforzadas por tres torres, sendo a principal a que se sitúa cara ao núcleo urbano, de sección pentagonal. O conxunto está dominado pola torre da homenaxe, de planta cuadrangular, illada no centro do patio de armas.
- Museo do Cinema: conta con milleiros de carteis e fotografías, máquinas do tempo do cinema mudo, equipamentos máis modernos e filmes. Na exposición permanente, dedicada ao precinema (período anterior ao cinematógrafo dos irmáns Lumière) pódense contemplar diversos aparellos, como lanternas máxicas coas súas respectivas caixas e placas de vidro pintadas a man, fenaquistiscopios cos seus discos, zootropos con bandas e praxinoscopios, ademais dun dos primeiros carteis que anunciaban o cinema en sala e outros ilustrativos da evolución do cinema desde as súas orixes ata o cinematógrafo. O museo tamén conta coa chamada Sala do Novo Mundo, onde se poden ver e manipular réplicas de xoguetes ópticos, un peep-show e unha caixa óptica para diorama teatral.

- Museo do Viño Alvarinho (Solar do Alvarinho): casa do século XVII, berce da Rota do Vinho Alvarinho, denominada tamén o «Edifício dos Três Arcos». Inaugurado en 1997, contén unha sala de catas, onde se expoñen todas as marcas de viño Alvarinho elaboradas no municipio; unha sala de reunións; un bar auxiliar, onde se atopan produtos rexionais e algunhas rarezas, como o Alvarinho fermentado en madeira, o espumoso e a augardente Alvarinho; e unha tenda con viños, pezas de artesanía (como bordados, encaixes e liños), xamón, embutidos, pan de millo, mel e hidromel.
- Igrexa románica
- Termas e Balneario do Peso: conta coa Fonte Principal (1909) e a Fonte Nova (1953), tamén coñecida como Galeria Nova. Destaca o impoñente edificio de ferro deseñado polo enxeñeiro Luís Couto dos Santos e coñecido como a Buvete (1909) e outro máis pequeno tamén de ferro co nome de O Balneario (1919). Tamén se pode ver a antiga Oficina de Engarrafamento e as ruínas do Hotel do Peso.
13.00h (hora portuguesa) - Chegada a Monção, cidade fortaleza con murallas e baluartes. Visita ao casco histórico.
O seu casco histórico fortificado, situado na cima dun monte dende o que se ve o río Miño, conta con rúas estreitas e esvaradías lousas enleadas no interior dos restos dunha gran muralla fortificada. Poderase observar a Igreja Matriz, unha pequena e bonita igrexa románica (s. XIII) cerca da muralla exterior, que contén a Capela de Deu-la-deu Martins (heroína dunha lenda local do século XVII, tendas antigas, casas medievais e casonas de luxo.

14.00h (hora portuguesa) - Xantar
15.30h (hora portuguesa) - Visita guiada ao Palacio da Brejoeira.
Edificio de estilo Neoclásico, com influencia barroca, foi mandado construír no século XIX por Luís Pereira Velho de Moscoso, nunha antiga quinta familiar chamada Quinta do Vale da Rosa. De granito, en forma de L, con tres torreóns, no seu interior encóntranse fastosos salóns con valiosas pinturas e frescos e distinta decoración, así como unha capela e un teatro, mentres que no exterior está rodeado de frondosas forestas e encantadores xardíns con magnolias e camelias. Foi declarado Monumento Nacional en 1910.
Visita a Sanfins de Friestas.
A actual igrexa románica foi o templo dun monasterio beneditino fundado probablemente a finais do século XI. Conservada case intacta nas súas estruturas e formas medievais, conta cun gran repertorio escultórico figurado, presente especialmente na cabeceira e nos canecelos das cornixas. Conserva algunhas das dependencias monásticas dos séculos XV en adiante e parte do claustro norte. Construída en granito, posúe unha única nave que se une a unha cabeceira constituída por presbiterio rectangular e ábsida semicircular, sendo esta máis estreita que o presbiterio e este máis pequeno que a nave, tal e como marcan os cánons románicos. A colección de capiteis e canecelos da cabeceira mostran un rico repertorio de grandes relevos onde os protagonistas son as figuras de persoas e animais, especialmente cabras, vacas e aguias coas ás cruzadas.
Regreso á Rúa da Rosa de Santiago de Compostela. Chegada aproximada: 20.00h (hora galega)

O prezo da viaxe é de 70€ por persoa, incluíndo autobús, xantar e visitas. As persoas que non sexan socias do Ateneo deberán pagar un suplemento de 25€. As inscricións deberán realizarse no enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.gal ata o xoves, 29 de outubro, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude. No caso de inscribirse máis persoas que prazas dispoñibles, as admisións realizaranse mediante un sorteo, que se levará a cabo o luns, 2 de novembro, ás 12h no local social do Ateneo, tendo preferencia de admisión os/as ateneístas.