Novas

Exposición «Xulio Maside. Parellas» na Fundación Granell

A inauguración, limitada polas medidas sanitarias, terá lugar o mércores, 17 de marzo, ás 12h nas salas 4 e 5 da primeira planta da Fundación Eugenio Granell

Compartir

A Fundación Eugenio Granell inaugura o mércores, 17 de marzo, ás 12h nas salas 4 e 5 da primeira planta do Museo a exposición “Xulio Maside. Parellas”.


Seguindo as medidas sanitarias por mor da Covid-19 este acto de inauguración será con aforo limitado pero a exposición quedará aberta ao público e poderase visitar ao longo de toda a tarde, en horario de 16.00 a 20.00h así como o xoves, 18 de marzo, en horario de 11.00 a 14.00h e de 16.00 a 20.00h.

A mostra, que permanecerá aberta ata o 23 de maio, está composta de perto de setenta pezas baixo o título As Parellas. A peza de gran formato «Luci e máis eu» de 2014, quere ser representativa, xa que concilia obras anteriores coas posteriores que parten dela, con distinto formato e entidade. Compoñen un conxunto de pinturas emparentadas en ritmo e poesía, erotismo e humor. Acrílicos, collages, acuarelas, carbonciños, debuxos a man alzada, óleos de mediano e gran formato, dan conta do mundo de Xulio Maside, dos sentimentos máis líricos e musicais en tempos de confinamento e pandemia. A historia do ser humano e a súa grandeza.