Novas

ELECCIÓNS Á XUNTA DIRECTIVA DO ATENEO DE SANTIAGO

NORMATIVA E CALENDARIO ELECTORAL

Compartir

 

1º. O artigo 16 dos Estatutos do Ateneo, contén as seguintes normas:
          As eleccións á Xunta Directiva serán convocadas cun mínimo dun mes de antelación á data fixada para o escrutinio. Dita convocatoria conterá o calendario electoral e as normas complementarias necesarias para un correcto desenvolvemento da elección.
          Son electores todos os socios en plenitude dos seus dereitos.
          Son elixibles todos os socios de número e fundadores que, estando en plenitude dos seus dereitos, teñan un mínimo dun ano de antigüidade e presenten a súa candidatura en tempo e forma.
          A votación realizarase persoalmente mediante papeleta que garanta a liberdade e o segredo do voto.
          As candidaturas contarán cun número de membros igual aos postos a cubrir, constando os nomes dos propostos para Presidente/a, Vicepresidente/a, Secretario/a, Tesoureiro/a e cinco Vogais.

2º. Procédese á creación dunha Xunta Electoral para garantir e preservar o adecuado desenvolvemento do proceso electoral e, no seu caso, dirimir as posibles impugnacións. Os seus membros estarán obrigados a observar independencia e imparcialidade. Dita Xunta estará integrada por tres socios en plenitude dos seus dereitos e cunha antigüidade de un ano, nomeados pola Asemblea Xeral ordinaria de socios.

3º. O calendario electoral sería o seguinte:
      a) O prazo de presentación de candidaturas comezará o día 10 de maio e concluirá o día 24 de maio. As candidaturas presentaranse por escrito asinado polos seus compoñentes e remitidas á Secretaría administrativa do Ateneo por correo electrónico ou calquera outro medio.
      b) O día 26 de maio deberá reunirse a Xunta Electoral co fin de proclamar as candidaturas presentadas. No caso de presentarse só unha candidatura, a Xunta Electoral pode dar por concluído o proceso electoral e trasladar a devandita candidatura á consideración da Asemblea Xeral extraordinaria para a súa elección.
      c) O período electoral dará comezo o día 28 de maio e concluirá o día 11 de xuño.  A Xunta electoral fará chegar a todos os socios, nun único envío, a comunicación electoral que todas aquelas candidaturas lle fagan chegar antes do día 27 de maio. Estas comunicacións electorais faranse chegar á Secretaría administrativa do Ateneo a través de correo electrónico na seguinte dirección: ateneo@ateneodesantiago.com.

4º. A Asemblea Xeral extraordinaria para a elección da nova Xunta Directiva realizarase o día 14 de xuño do presente ano 2021. Ao inicio da mesma constituirase a Mesa Electoral, que estará conformada polos membros que compoñen a Xunta Electoral, asistidos pola Secretaría administrativa do Ateneo.
          A votación realizarase persoalmente mediante papeleta na que figurarán por cargos os nomes dos candidatos. Antes de depositar a papeleta os electores deberán acreditar a súa identidade a través do DNI ou documento equivalente.

5º. Realizado o escrutinio, a Mesa electoral procederá a nomear a candidatura elixida que de xeito inmediato tomará posesión dos seus cargos.

En Compostela, a 24 de marzo de 2021