Novas

Trío Bórea en streaming dende Suíza

Presenta o seu proxecto «Alte Liebe» o 7 de maio ás 20 horas a través da súa páxina de Facebook, YouTube e boreaproject.com

Compartir

O Trío Bórea presenta o seu proxecto «Alte Liebe» en streaming dende Suíza o 7 de maio ás 20 horas a través da súa páxina de Facebook, YouTube e boreaproject.com.

Bórea é un grupo de música de cámara fundado en 2019, co obxectivo de explorar o desenvolvemento de novos modelos de interacción co público, polo pianista vigués Brais González Pérez, a cellista santiaguesa Julia Caro Trigo e a violista mallorquina Clara Mascaró Nadal.


No concerto do 7 de maio dende a Sala Knox de Lucerna o grupo presentará o seu primer proxecto: «Alte Liebe». No streaming interpretaranse algunhas das obras que formarán parte e explicaranse algunhas das características do novo formato de concerto que están a desenvolver. «Alte Liebe» pretende ser unha peza audiovisual dixital que reúna a historia de tres grandes músicos (Clara Schumann, Robert Schumann e Johannes Brahms), contados de primeira man por eles mesmos a partir da información recollida nas súas cartas.

Cren que non hai mellor forma de comezar esta aventura e achegar este intrigante triángulo amoroso e musical e tamén a súa interpretación desta historia a diferentes públicos e, así, expandir esta universal e marabillosa arte que é a música clásica.

Tocaranse pezas destes tres compositores arranxadas para a formación polo pianista e compositor galego Brais González.

Trío Bórea realizará no verán de 2021 diferentes residencias artísticas (Baltais Figlelis en Sigulda, Letonia e na Brahmshaus en Baden-Baden, Alemaña) para levar a cabo o seu proxecto e presentalo por Europa. Durante este ano recibiron o apoio de diferentes entidades como a Universidade de Música de Lucerna, o Concello de Salzburgo ou, recentemente, da Unión Europea co prestixioso programa de axuda i-Portunus.

Mira un pequeno aperitivo do concerto e coñéceos: Bórea na sala KNOX