Novas

O Ateneo de Santiago asina un Convenio de colaboración coa Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela

O acordo, con vixencia por un período dun ano, busca propiciar un maior achegamento entre ambas as entidades na organización conxunta de actividades

Compartir

 

O Ateneo de Santiago e a Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela veñen de asinar un convenio de colaboración de cara a propiciar un maior achegamento entre ambas as entidades e a sociedade que as sustenta.

As dúas asociacións, co obxectivo común de promocionar actividades entre a cidadanía compostelá, selan coa sinatura deste acordo, producida este pasado martes, unha serie de compromisos colaborativos.

Por unha parte, ambas as partes tratarán de impulsar a organización conxunta de actividades de distintos tipos e formatos, ás cales poderán asistir os asociados e asociadas de ambas as entidades en condición preferente, así como a calquera outro evento organizado por algunha das organizacións.

Ademais, todas as actividades promovidas tanto polo Ateneo como pola APSC serán divulgadas a través das súas canles de comunicación internas e a APSC colaborará activamente no Premio de Periodismo Cívico Alfredo Vicenti, organizado anualmente polo Ateneo. Os membros da Asociación de Periodistas participarán non só na súa divulgación senón que tamén terán presenza no Xurado que outorga o devandito premio. Por último, a APSC comprométese a colaborar nas actividades de Radio Ateneo Podcast e, ao tempo, o Ateneo de Santiago colaborará coas actividades do Centro Internacional de Prensa Compostela, que xestiona a APSC.

Así pois, o acordo, materializado coa sinatura de cadanseu Presidente, terá vixencia por un período dun ano en vistas dunha renovación por períodos anuais.