Novas

Inauguración da exposición «Manuel Colmeiro. Arte en tempos de desacougo, 1919-1939» na Fundación Torrente

A inauguración terá lugar o mércores, 16 de xuño, de 19.00h a 20.30h na Fundación Gonzalo Torrente Ballester (Rúa do Vilar, 7, Santiago de Compostela)

Compartir

 

O mércores, 16 de xuño, ás 19h a Fundación Gonzalo Torrente Ballester inaugurará na súa sede de Compostela a exposición «MANUEL COLMEIRO (1919-1939). Arte en tempos de desacougo», comisariada por Xosé Carlos López Bernárdez e organizada polo Museo MARCO de Vigo.

No acto participarán D. Álvaro Torrente Sánchez-Guisande, Presidente do Padroado da Fundación Torrente, e D. Abel Caballero, Presidente da Fundación MARCO de Vigo.

A mostra, que permanecerá aberta ata o 17 de setembro en horario de martes a venres de 18.00h a 21.00h, sábados de 12.00h a 14.00h e de 18.00h a 21.00h, e domingos de 12.00h a 14.00h, céntrase no período de 1919 a 1939 e xurde a partir das liñas de investigación abertas polo seu Comisario.

Manuel Colmeiro (1901-1999) ocupa un papel de primeira liña na renovación da arte galega, en especial nos anos anteriores á Guerra Civil e durante o conflito. Colmeiro compartía coa xeración de artistas galegos coñecidos como Os Novos (Maside, Souto, Torres ou Laxeiro) unha actitude ética e estética e unha común estratexia rexeneradora: tratábase de fertilizar a linguaxe da modernidade, adquirida co coñecemento da arte internacional, coa sabedoría autóctona, movido polo desexo de se mergullar no máis logrado da tradición para conseguir as mellores calidades da arte popular e medieval, pero cunha vontade evidente de intervención social. Non debemos esquecer que estamos nun período de crise e convulsión. No ámbito internacional e no nacional é un tempo ameazante, co agravamento das tensións sociais e o ascenso dos fascismos, e os artistas teñen que lidar con esa realidade punxente.

A finais dos vinte e na década dos trinta, a arte de Colmeiro reflicte a toma de consciencia perante a inestabilidade social e política. A expresión desta inquietude –que non coñece fronteiras nesta altura– toma forma nun realismo que compatibiliza a tradición da arte galega románica, barroca e popular e a inspiración na vida real. Dominan os temas inspirados no mundo obreiro e agrario tratados cunha visión de carácter social, de clase.

A Guerra Civil vai marcar un punto de inflexión vital e artístico en Colmeiro. As obras realizadas durante os anos da contenda, primeiro en Galicia e despois no exilio na Arxentina, manifestan con precisión a conmoción vital que supuxo o conflito e tamén a toma de postura, que tivera xa un claro precedente nas súas obras de temática social de finais dos vinte; todas indican un reforzamento do compromiso ético. Son traballos que presentan trazos máis expresionistas que os anteriores e reflicten a pegada do conflito, que o levan a converter as súas características composicións, como acontece coas maternidades, en representacións do sufrimento.

NOTA: Durante os actos de presentación e apertura de salas ao público seguirase estritamente a normativa sanitaria anti-covid, respectando a capacidade de cada espazo e todas as medidas de seguridade e hixiene.

Máis información