Novas

Actos de celebración do aniversario de Pardo Bazán na RAG

Estes actos terán lugar o xoves, 16 de setembro de 2021

Compartir

 

O xoves 16 de setembro a Real Academia Galega celebra o aniversario de Emilia Pardo Bazán con dúas propostas no marco da programación especial do centenario do seu pasamento. 

Ás 11:30 horas emitirase en directo dende academia.gal a presentación do libro A educación do home e da muller e outros escritos feministas, unha escolma de textos da autora coeditada pola Academia e o Parlamento de Galicia ao coidado da académica de número Marilar Aleixandre. 

Pola tarde, a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán acollerá unha representación dramatizada na que a homenaxeada recibirá na súa casa da rúa Tabernas da Coruña á súa amiga, e tamén escritora e destacada defensora da igualdade, María Vinyals. As actrices Larraitz Urruzola e Estíbaliz Veiga serán as encargadas de darlles vida a partir do guión escrito por Mariana Carballal inspirándose nos seus textos feministas e a vida de Pardo Bazán. Haberá dúas representacións, ás 17:00 e ás 19:00 horas. As persoas interesadas en asistir poderán solicitar a reserva de praza a través do correo electrónico difusion@academia.gal indicando o horario solicitado, o seu nome completo e un número de teléfono de contacto. Admitirase a reserva dun máximo de 2 prazas por correo.

Máis información