Novas

O IES FÉLIX MURIEL DE RIANXO GAÑA O PRIMEIRO PREMIO ATENEO CINEDUCA COA OBRA MONTE VIVO

O accésit foi para a curtametraxe «O crime perfecto (detrás das cámaras)» do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela

Compartir

 

O mércores, 18 de maio, clausurouse a Mostra Internacional de Cine e Educación (CINEDUCA), organizada polo Ateneo de Santiago, coa entrega de premios ás curtametraxes presentadas polos centros educativos.

O Vicepresidente do Ateneo de Santiago Francisco Candela abriu o acto afirmando que, «recollendo a experiencia de anos anteriores, quixemos dar un paso adiante e presentar unha Mostra Internacional de Cinema, onde non só se recolleran as problemáticas de distintos sistemas de educación senón tamén se impulsara o cine como instrumento educativo, reunindo un amplo sentir da comunidade docente».

Tras a proxección das curtametraxes seleccionadas polo xurado, comunicáronse os gañadores.

A mención honorífica, provista dun diploma e peza conmemorativa, foi para «La buena elección» do Centro Escolapios de Monforte de Lemos. O premio foi entregado por Pilar Murias, Vicerreitora de Estudantes e Cultura da Universidade de Santiago, e na súa presentación Fernando Redondo, Catedrático da Universidade de Santiago, sinalou que «Monforte como cidade ferroviaria é un cruce de camiños que representa as eleccións que realizamos na vida, por iso nos preguntamos se escollemos a boa elección».

En segundo lugar, o accésit, dotado con 500€, diploma e peza conmemorativa, foi para «O crime perfecto (detrás das cámaras)» do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. A Concelleira de Cultura de Santiago de Compostela Mercedes Rosón foi a encargada de entregar o galardón e José Manuel González Herrán, Catedrático emérito da Universidade de Santiago, presentou a proxección, aseverando que «o xurado seleccionou esta curtametraxe porque cumpría coas facetas de mesturar cine e educación». 

Por último, a máxima distinción, dotada con 1000€, diploma e peza conmemorativa, recaeu na obra audiovisual «Monte vivo» do IES Félix Muriel de Rianxo, a cal foi entregada polo Presidente do Ateneo de Santiago Manuel López-Rivadulla. «Os alumnos dende o contorno do centro comezan unha investigación, que lles dá a coñecer os distintos valores do monte (ambiental, estético, literario) e a comprometerse coa sociedade”, afirmou Xosé Armas, Director do Departamento de Didácticas aplicadas da USC na súa introdución. 

Para pechar o acto, o Presidente do Ateneo de Santiago Manuel López-Rivadulla agradeceu a todos os organizadores da Mostra o seu traballo e resaltou a calidade de todas as obras presentadas. «O cine é un compromiso social e un mecanismo didáctico para integrar aos alumnos na sociedade», concluíu.

Ver noticia en El Correo Gallego

Ver noticia en La Voz de Galicia