Novas

CRÉASE UN SEMINARIO SOBRE EUROPA DIRIXIDO POLA PROFESORA DA USC CRISTINA ARES

Compartir

 

Os Presidentes do Ateneo de Santiago, Manuel López-Rivadulla, e da Asociación Federalista de Galicia, Ramón Máiz, formalizaron a creación dun Seminario sobre Europa, «Por unha Europa federal e social», mediante a sinatura dun Convenio de colaboración entre ambas as dúas entidades. 

O Seminario será dirixido pola Profesora Cristina Ares Castro-Conde, titular das materias Sistema Político e Políticas Públicas da UE na USC.

Ambas as dúas partes entenden que o proxecto europeo constitúe un referente necesario para a defensa dos valores de xustiza, paz e democracia no mundo de hoxe onde teñen que atoparse os pobos e as culturas que historicamente constituíron Europa. 

Esta iniciativa xorde como consecuencia da complexidade do contexto europeo actual, o que obriga a Europa, segundo indican os asinantes, a «redefinir os seus obxectivos e o seu futuro, que ten que culminar nun reforzamento das súas estruturas políticas e da súa capacidade para liderar e organizar harmonicamente en clave federal aos distintos Estados que a compoñen».

O Seminario será aberto e participativo e ten como finalidade recoller as inquedanzas da cidadanía sobre o proxecto europeo así como «servir para debater, informar e mesmo propoñer iniciativas que contribúan a un mellor coñecemento da gobernanza europea e das súas limitacións e problemática».