Novas
PREMIO DE XORNALISMO CÍVICO ALFREDO VICENTI 2022 PARA UNHA SERIE DE PODCASTS SOBRE AS CONSECUENCIAS DA GUERRA EN UCRAÍNA
O Xurado decidiu outorgar tamén un accésit a un podcast sobre vivenda

- Compartir
O pasado mércores, día 16 de novembro, o Xurado do Premio de Xornalismo Cívico Alfredo Vicenti 2022, organizado polo Ateneo de Santiago, decidiu por unanimidade outorgar o galardón desta edición á xornalista Nuria López Presedo polo traballo titulado «Historias dun país en guerra», unha serie de podcasts de 35 capítulos publicados en Radio Galega Podcast entre o 9 de maio e o 24 de xuño de 2022, ademais de nas plataformas iVoox e Spotify.
Este traballo recolle os relatos reais de varias vítimas da guerra en Ucraína, cidadáns ucraínos, tanto residentes no país como outros que tiveron que fuxir del ou que teñen familiares directos alí.
Podcast «Historias dun país en guerra» de Nuria López Presedo
Do mesmo xeito, o Xurado decidiu tamén adxudicar un accésit a Miguel Rodríguez Fernández e Duarte Romero Varela polo traballo «Cooperativas de vivenda en cesión de uso: unha alternativa para un fogar asequible?», publicado en Té con gotas o 12 de xaneiro de 2022.
O Xurado, presidido polo Vicepresidente do Ateneo de Santiago Francisco Candela, estivo constituído por José Francisco Rodil, directivo da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela; Xosé Ramón Pousa, ex-Decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC; Mercedes Rosón, responsable de Acción Cultural do Concello de Santiago; Antón Porteiro, membro da Sección Sociedade da Información do Ateneo de Santiago; e Manuel Varela Fariña, galardoado na última edición deste premio.
A entrega do Premio, dotado con 1.000€ e unha peza conmemorativa, e o accésit, consistente nun agasallo especial, terán lugar nun acto público na cidade de Santiago de Compostela o vindeiro mes de Nadal.