Novas

O ATENEO DE SANTIAGO ENTREGA O PREMIO ALFREDO VICENTI 2022 A NURIA LÓPEZ PRESEDO

A gañadora cederá o importe do Premio aos afectados pola guerra en Ucraína

Compartir

 

O Ateneo de Santiago celebrou este martes o acto de entrega do Premio Alfredo Vicenti 2022 a Nuria López Presedo, polo traballo «Historias dun país en guerra», unha serie de podcasts de 35 capítulos con relatos reais de vítimas da guerra en Ucraína, publicados en Radio Galega Podcast entre o 9 de maio e o 24 de xuño de 2022; e o accésit a Miguel Rodríguez Fernández e Duarte Romero Varela polo traballo «Cooperativas de vivenda en cesión de uso: unha alternativa para un fogar asequible?», publicado en Té con gotas o 12 de xaneiro de 2022.

O evento, que contou entre o público con representantes da Asociación Galega de Axuda a Ucraína (AGA-Ucraína), así como de refuxiados ucraínos, abriuno o Presidente do Ateneo de Santiago, Manuel López-Rivadulla, quen inmediatamente lle pasou a palabra ao Presidente do Xurado,Francisco Candela, para dar lectura á acta de outorgamento do Premio.

Tras a entrega dos galardóns por parte do Presidente do Ateneo de Santiago, Nuria López Presedo relatou, nun conmovedor discurso, a dureza das experiencias que vive a cidadanía ucraína por mor da guerra, poñéndolle nome propio e reclamando «hoxe, que se cumpren 300 días da guerra en Ucraína, a cidadanía pide que non nos esquezamos porque, aínda que o tema xa non ocupa as portadas dos xornais, a guerra continúa». A xornalista agradeceu, a continuación, a todas as persoas que se prestaron a compartir as súas historias e recoñeceu o labor realizado por todas as organizacións que traballan a favor da causa, indicando o seu desexo de que o importe íntegro deste Premio vaia para AGA-Ucraína, «eu confórmome con saber que todo este esforzo serviu para algo». A gañadora finalizou a súa intervención reivindicando que «cómpre rematar coa precariedade laboral do xornalismo, coa excesiva politización que existe nos medios de comunicación e coa dependencia obscena do poder político; é hora de dignificar os medios, aos seus profesionais e prestarlle á sociedade o servizo que merece».

Pola súa banda, Miguel Rodríguez e Duarte Romero salientan que o tema no que se centra o seu podcast, a vivenda, «é un problema fundamental da nosa xeración que non se trata nin se analiza e sobre o que non se debate o suficiente». Destacan tamén que se apostase por un podcast independente, téndose presentado ao Premio outros proxectos de medios de comunicación máis asentados.

A continuación, a Concelleira de Cultura, Mercedes Rosón, salientou que «esta é a primeira edición do Premio Alfredo Vicenti que incorporamos nas bases da convocatoria esta nova forma de comunicación que tanto éxito está tendo nos últimos tempos». Destaca tamén que «o xornalismo non é un mero transmisor de relatos, tamén é capaz de amosar a nosa historia en tempo real e analizar a nivel sociolóxico os pasos que deberíamos dar para mellorar esa historia e a vida da cidadanía, unha función que se resinte no momento en que se empeza a instrumentalizar o labor xornalístico, pondo en perigo a súa independencia». Rosón remata eloxiando o labor dos xornalistas que, a pesar da crise do sector, continúan exercendo un xornalismo con maiúsculas e realizan traballos tan importantes como os premiados, agradecendo ao Ateneo «por seguir apostando por este Premio de Xornalismo Cívico que é absolutamente necesario e imprescindible na sociedade que estamos vivindo».

Para pechar o acto Manuel López-Rivadulla agradece o labor dos premiados, que representan a filosofía do Ateneo de galardoar a un xornalismo cívico do cal esta xuventude é característica, e finaliza indicando que «o Ateneo vai seguir sostendo este Premio Alfredo Vicenti para premiar este tipo de periodismo cívico tan meritorio, tan digno e tan obxectivo como o presentado».

Vídeo do acto

Imaxes do acto