Novas

O Ateneo de Santiago entrega o Premio de Xornalismo Cívico Alfredo Vicenti 2023 ao xornalista Pedro Rodríguez Villar

No acto tamén se fixo entrega do accésit a Tamara Montero Barreiro

Compartir

 

O Ateneo de Santiago celebrou este xoves o acto de entrega do Premio de Xornalismo Cívico Alfredo Vicenti 2023 a Pedro Rodríguez Villar, polo traballo «Crecen las adicciones», unha combinación de reportaxe e entrevistas publicado en La Voz de Galicia o 30 de xullo de 2023; e o accésit a Tamara Montero Barreiro polo traballo «Me trajeron engañada para el manicomio: el Arquivo de Galicia recupera las voces olvidadas de las internas del hospital de Conxo», publicado igualmente en La Voz de Galicia o 9 de marzo de 2023.

O evento abriuno o Presidente do Ateneo de Santiago, Manuel López-Rivadulla, quen inmediatamente lle pasou a palabra ao representante da Sección Sociedade da Información do Ateneo de Santiago, Antón Porteiro, para dar lectura á acta de outorgamento do Premio.

A continuación, o representante da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, Xosé Ramón Pousa, destacou a satisfacción dos membros do Xurado de ver como evoluciona o Premio ano a ano, incrementando a cantidade de traballos recibidos, así como, o que é máis importante, a calidade dos mesmos, indicando que «os dous traballos premiados son dunha altísima calidade». Pousa indicou que o Premio está dirixido a traballos de interese social debido a que «hai 150 anos Alfredo Vicenti tivo que abandonar a cidade de Santiago, expulsado polo arcebispo, polo compromiso social do seu xornalismo». Ademais, tamén salientou que «as bases se van adaptando ás circunstancias de cada momento e que este Premio está aberto a todo o Estado español, aínda que ata o de agora sempre se premiou a xornalistas galegos por seren os que presentan unha maior cantidade de traballos».

Tras a entrega dos galardóns por parte do Presidente do Ateneo de Santiago, Pedro Rodríguez Villar agradeceu «aos compañeiros da redacción así como ás asociacións e usuarios que participaron na reportaxe para contar unha realidade que pode mellorar a nosa sociedade, porque ese é tamén o labor do xornalismo». Continuou indicando que «os xornalistas temos a tarefa de ser ese nexo entre a sociedade e as persoas individuais que nos fai empatizar coas historias que hai polo mundo adiante».

Pola súa banda, Tamara Montero Barreiro fixo unha reivindicación da tarefa do xornalismo «nun momento no que o xornalismo está nunha fonda crise de credibilidade social e é moi importante recoñecer o labor de cando se fai bo xornalismo, contando historias que transcendan e teñan un impacto social».

Para pechar o acto Manuel López-Rivadulla agradeceu aos presentes a súa asistencia e aprazounos para o vindeiro ano, en que se levará a cabo a sétima edición deste Premio.

Vídeo do acto