Novas
DECLARACIÓN DO ATENEO DE SANTIAGO SOBRE A REGULACIÓN E LIMITACIÓN DAS VUT
- Compartir
O Ateneo de Santiago, como entidade cultural e cidadá, quere amosar o seu apoio á regulación e limitación das vivendas de uso turístico na cidade de Santiago.
O seu incontrolado crecemento nos últimos dez anos está provocando graves problemas no conxunto da cidade, especialmente naqueles espazos da zona histórica que foron declarados como Patrimonio da Humanidade.
A problemática da falta de vivenda para familias e estudantes, o crecemente despoboamento do casco histórico de residentes e o peche do comercio tradicional, a ocupación e invasión de espazos públicos, etc. son consecuencia dun crecemento do aloxamento turístico baseado nas vivendas de uso turístico.
Resulta, pois, necesario e urxente a adopción de medidas por parte da corporación municipal que poñan freo a esta situación e que supoñan un desenvolvemento turístico sustentable dende o punto de vista medioambiental, social e cultural.
A necesaria ordenación do turismo nunha cidade histórica ten que considerar que a súa capacidade de acollida non é ilimitada e, por conseguinte, precísase establecer os límites e os mecanismos organizativos de control dos mesmos.
Agardamos que os nosos lexítimos e democráticos representantes municipais sexan capaces de poñer os intereses da cidade por riba de calquera outra consideración ou interese particular ou de grupo, adoptando cantas medidas sexan necesarias para abordar esta problemática que vén xerando unha crecente alarma social.
En Compostela, a 21 de xuño de 2024
A Xunta Directiva do Ateneo de Santiago