Novas
A xornalista Marta Otero Mayán gaña o Premio de Xornalismo Cívico Alfredo Vicenti 2024 por unha reportaxe sobre a inmigración
O Xurado decidiu outorgar unha mención honorífica ao xornalista Ángel Paniagua Pérez por unha reportaxe sobre o “chemsex”
- Compartir
O Xurado do Premio de Xornalismo Cívico Alfredo Vicenti 2024, organizado polo Ateneo de Santiago co patrocinio da Deputación da Coruña e a colaboración da Federación de Ateneos de Galicia, decidiu por unanimidade outorgar o galardón desta edición á xornalista Marta Otero Mayán polo traballo titulado «Somos las esclavas de este siglo», unha reportaxe publicada en La Opinión de A Coruña o 3 de marzo de 2024.
O Xurado, que salienta o alto nivel de todos os traballos presentados, argumenta a súa decisión por adaptarse perfectamente ao espírito do Premio ao conter unha temática con fonda implicación social que trata a inmigración e o traballo.
Reportaxe «Somos las esclavas de este siglo»
Do mesmo xeito, o Xurado decidiu adxudicar unha mención honorífica ao xornalista Ángel Paniagua Pérez polo traballo «El ‘chemsex’ dispara las infecciones sexuales», publicado en La Voz de Galicia o 26 de novembro de 2023, polo novidoso do tema, dándolle visibilidade a unha temática pouco tratada nos medios de comunicación así como pola cantidade de información descoñecida que ofrece.
Artigo «El ‘chemsex’ dispara las infecciones sexuales»
O Xurado, presidido polo Presidente do Ateneo de Santiago Francisco Candela, estivo constituído por José Francisco Rodil, representando a unha Organización Profesional de Xornalistas de Santiago de Compostela; Xosé Ramón Pousa, Ex-Decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC; Manuel López-Rivadulla, Presidente da Federación de Ateneos de Galicia; Antón Porteiro, membro da Sección Sociedade da Información do Ateneo de Santiago; e Pedro Rodríguez Villar, galardoado na última edición deste premio.
A entrega do Premio, dotado con 1.200€ e unha peza conmemorativa, e a mención honorífica terán lugar nun acto público no Ateneo de Santiago.