Novas

Presentación do libro «O autogoberno de Galicia. Fundamentos e institucións» de Francisco Caamaño e Daniel Jove (Asociación Federalista de Galicia)

O acto terá lugar o martes, 6 de maio, ás 19.30h na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela

Compartir

 

O martes, 6 de maio, ás 19.30h, a Asociación Federalista de Galicia, coa colaboración do Ateneo de Santiago, ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, a presentación do libro «O autogoberno de Galicia. Fundamentos e institucións» de Francisco Caamaño e Daniel Jove. No acto participarán:
          Francisco Caamaño, Catedrático de Dereito Constitucional da UDC
          Daniel Jove, Doutor en Dereito pola Universidade da Coruña

Esta obra examina o autogoberno de Galicia como parte dun completo sistema de gobernanza multinivel que vai dende as entidades locais ata a UE, pasando polo Estado, a partir dun común fio condutor: o fundamento democrático do modelo que fai que a cidadanía teña que xestionar simultaneamente diversas identidades (a galega, a española e a europea) de xeito que os desubicados dereitos e as súas relacións cos poderes públicos varían en función do eido institucional no que desenvolver as súas actividades. No libro contrástanse as semellanzas e as grandes diferenzas entre o federalismo e o autonomismo como solucións descentralizadoras do poder político do Estado.

Francisco Caamaño, Catedrático de Dereito Constitucional da UDC, foi Letrado do Tribunal Constitucional, Director da Fundación Democracia e Goberno Local, Deputado no Congreso (Vicepresidente da Comisión Constitucional) e no Parlamento de Galicia, Secretario de Estado de Relacións coas Cortes, Ministro de Xustiza e Presidente da Comisión de Xustiza e Interior da UE. É autor de varias monografías  e numerosos traballos académicos sobre temas da sua especialidade, primordialmente en materia de Dereito parlamentario, federalismo e xustiza constitucional.

Daniel Jove Villares, Doutor en Dereito con premio extraordinario pola Universidade da Coruña, impartiu docencia na Universidade Carlos III de Madrid e actualmente é profesor de Dereito Constitucional na Universidade de Oviedo. Autor de diversos traballos académicos, está especializado en protección de datos persoais, dereitos dixitais e cuestións territoriais.