Novas
Exposición «Traxes e cores de Galiza. A identidade nacional na plástica de Castelao»
A mostra poderá visitarse no Pazo de Fonseca ata o 30 de agosto en horario de luns a sábado, de 11.00h a 14.00h e de 17.00h a 20.00h.
Visitas guiadas todos os sábados ás 11.00h e ás 12.15h, previa inscrición en seteespadelas@gmail.com.
- Compartir
No contexto do Ano Castelao 2025, o Pazo de Fonseca acolle ata o 30 de agosto a exposición «Traxes e cores de Galiza. A identidade nacional na plástica de Castelao», que amosa a rica e importante presenza da indumentaria tradicional na obra pictórica e gráfica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
Máis de 50 manequíns recubertos en liño do país, con base de madeira e brazos articulados, mostran reproducións fidedignas de traxes tradicionais galegos que aparecen nos óleos, acuarelas, gravados e bosquexos de Castelao. Cada manequín vai acompañado de utensilios e antigüidades para completar a escena a representar.
A exposición conta tamén con reproducións da obra gráfica de Castelao en diferentes formatos e tamaños, ourivería tradicional, paneis con información das obras expostas e dos traxes amosados, vitrinas con material gráfico e documental relacionado coas pezas do corpus expositivo, así como un audiovisual para a proxección na sala.