Novas
O xornalista Sergio Pascual Espinilla gaña o Premio de Xornalismo Cívico Alfredo Vicenti 2025 por unha peza radiofónica sobre a silicose
- Compartir
O Xurado do Premio de Xornalismo Cívico Alfredo Vicenti 2025, organizado polo Ateneo de Santiago decidiu por unanimidade outorgar o galardón desta edición ao xornalista Sergio Pascual Espinilla polo traballo titulado «Silicosis, muerte en suspensión», unha peza sonora emitida en Radio Nacional de España o 25 de setembro de 2025.
O Xurado, que salienta o alto nivel dos 27 traballos presentados, argumenta a súa decisión por ser unha temática de actualidade con grande interese xornalístico, destacando a importancia do traballo en equipo na realización desta reportaxe, ademais de ter utilizado todos os recursos radiofónicos ao seu alcance.
«Silicosis, muerte en suspensión»
O Xurado, presidido polo directivo do Ateneo de Santiago, Xosé Ramón Pousa, estivo constituído, ademais, por Xosé Pereira Fariña, en representación da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC; Antón Porteiro Lago, en representación da Federación de Ateneos de Galicia; José Francisco Rodil Lombardía, en representación dunha Organización Profesional de Xornalistas de Santiago de Compostela, e Marta Otero Mayán, galardoada na pasada edición deste Premio.
Sergio Pascual Espinilla é licenciado en Xornalismo pola Universidade de Valladolid e máster de Radio pola Universidad Rey Juan Carlos. Traballou en Radio Nacional de España Galicia, no programa «Españoles a la mar» de Radio Exterior de España, e en Castilla y León Televisión. Ademais, tamén pasou por importantes axencias de comunicación, como Axencia EFE e Europa Press, dirixiu o programa literario de radio «La Milana Bonita» e colaborou con Sermos Galiza.
A entrega do Premio, dotado con 1.200€ e unha peza conmemorativa, terá lugar nun acto público no Ateneo de Santiago.