Novas

Adeus a Xesús Alonso Montero

Compartir

 

O Ateneo de Santiago súmase ao pesar polo pasamento de Xesús Alonso Montero, finado o pasado día 12 de febreiro. 

Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928-2026), Licenciado en Filoloxía Románica pola Universidade Central de Madrid e Doutor pola Universidade de Salamanca, exerceu longos anos a docencia, primeiro no ensino medio e, dende 1984 e ata a súa xubilación, como profesor titular e logo catedrático no Colexio Universitario de Vigo e mais na Universidade de Santiago.

Ao longo da súa traxectoria escribiu milleiros de artigos, en xornais e revistas, e foi autor de centos de ensaios e volumes de investigación en campos como a literatura galega ou a sociolingüística.

En 1952 ingresou no Partido Comunista, aínda perseguido e na clandestinidade, e dende entón a súa fidelidade ás ideas de progreso converteuno nunha das figuras de referencia para a esquerda do país.

Entre 2013 e 2017 foi Presidente da Real Academia Galega e formou parte do Ateneo de Santiago entre 2008 e 2012.

Ao longo da súa traxectoria, impartiu numerosas conferencias, entre as que queremos destacar unha charla sobre Filgueira Valverde como conmemoración do Día das Letras Galegas 2015, levada a cabo no noso Ateneo, onde tamén participou na presentación de varias publicacións, a última a da súa obra «Palabras para o noso tempo».

Dende o Ateneo de Santiago queremos mostrar o noso máis fondo pesar polo seu falecemento e trasladar as nosas condolencias aos seus familiares e achegados.