Novas
O ATENEO REIVINDICA A IDENTIDADE DA CIDADE COA REEDICIÓN DO LIBRO «COMPOSTELA ÚNICA»
- Compartir
O Ateneo de Santiago acolleu no seu Salón de Actos Isaac Díaz Pardo (Praza de Salvador Parga, 4-2º), a presentación aos seus socios e socias da segunda edición do libroCompostela única. No acto participou un dos directores do proxecto, Ramón Neira, acompañado do presidente da entidade, Francisco Candela. Durante a xornada, o público asistente recibiu exemplares da obra de balde, nun encontro que puxo en valor a memoria colectiva da cidade.
A publicación recolle unha selección de fotografías históricas de Santiago tomadas entre finais do século XIX e o ano 1965, procedentes en boa medida de achegas cidadás. Tal e como explicou Ramón Neira, o proxecto naceu coa vontade de construír unha visión compartida da cidade a través de imaxes familiares e documentos pouco habituais, que amosan a vida cotiá, os espazos e as transformacións sociais de Compostela. O resultado é un retrato singular dunha cidade que, segundo destacou, experimentou importantes cambios nas últimas décadas, abrindo tamén a reflexión sobre a conservación da súa identidade.
Pola súa banda, Francisco Candela subliñou o valor do traballo colectivo que fixo posible a obra e destacou a implicación do Ateneo na súa edición e difusión. A nova publicación inclúe textos de autores como Xosé Ramón Pousa, Xerardo Estévez, Anxo Tarrío ou Encarna Otero, que contextualizan as imaxes desde diferentes ámbitos. Ademais, o Ateneo anunciou a súa intención de distribuír o libro entre entidades culturais e centros educativos, así como nas librarías da cidade, co obxectivo de achegar este documento á cidadanía e contribuír ao coñecemento da historia recente de Santiago.