Novas
Venres, 22 de maio: Os retos das artes escénicas na era post COVID-19
- Compartir
O 22 de maio a Cidade da Cultura organiza o segundo dunha serie de encontros online con especialistas de distintos campos das industrias culturais e creativas. Os Foros #aculturasegue convidan ao debate e á análise dos retos aos que se enfronta o sector cultural na era post COVID-19. A actividade consta dun total de oito sesións en formato videoconferencia, que poderán seguirse de balde previo rexistro. Abordaranse temas como os desafíos que se abren ante os sectores da música, das artes escénicas ou do libro no contexto actual marcado pola crise sanitaria, pero tamén cuestións como novos formatos e mercados, novas fórmulas de xestión de dispositivos culturais ou o novo perfil de consumidor de eventos culturais.
22 MAIO | 18 H | Os retos das artes escénicas na era post COVID-19
Nesta segunda sesión abordaranse os desafíos aos que se enfronta o sector das artes escénicas no contexto actual, marcado pola progresiva reapertura de espazos de lecer, as limitacións que afectan aos espectáculos en directo, ou o auxe de novos formatos. Para tratar estas cuestións, contarase coa participación do director artístico de La Fura dels Baus, Carlus Padrissa, e da directora de escena e directora artística de Voadora, Marta Pazos, nunha conversa conducida pola comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira Marimón.
Foros #aculturasegue. Reflexións sobre a cultura na era post-COVID19
Nas vindeiras semanas desenvolveranse as diferentes sesións que compoñen este ciclo de reflexión e debate. En conxunto, celebraranse un total de oito foros, centrados nos seguintes temas:
- Retos nos contidos dixitais da cultura
- Retos do sector das artes escénicas na era post-covid
- Retos do sector da música na era postcovid
- Retos do sector das artes visuais na era post-covid
- Retos do sector do libro na era post-covid
- A confianza dos consumidores cara a participación en eventos culturais e o perfil do consumidor na era post-covid
- Novos formatos e mercados
- Novas fórmulas de xestión de dispositivos culturais