Novas

Roteiro da Lírica Medieval

Compartir

Nos séculos XII e XIII, era determinante o papel de Santiago de Compostela como centro relixioso, político e cultural, funcionando a cidade non só como polo de atración para as correntes intelectuais e artísticas prevalecentes na Europa, mais tamén como punto de difusión desas mesmas tendencias ou doutras que alí terían encontrado o seu berzo. Non é de estrañar que unha boa parte dos trobadores cuxa produción se encontra recollida nos Cancioneiros galego-portugueses estea, dalgunha forma, con ela relacionada. Así, os trobadores máis antigos, unidos entre si por lazos familiares ou por nexos sociais vinculativos, que os caracterizan como un grupo fortemente coheso e solidario, remiten a liñaxes poderosas no contexto galego da época: entre elas, ten papel preponderante a estirpe dos Traba, mais hai outras igualmente importantes que lle están asociadas, como os Vélaz, Limia, Celanova-Toroño, Cabrera e Urgell.





Con ramificacións e alianzas que se estenden aos outros reinos da Península, esas familias ligábanse intimamente tamén aos círculos do poder real e eclesiástico, con presenza marcante inclusive na comunidade relixiosa do arcebispado de Santiago. Os Cancioneiros rexistran as composicións de trobadores pertencentes a liñaxes nobres con propiedades fóra da terra de Santiago, mais que, en grande parte, posuían casas en Compostela, as cales servirían, dada a importancia política e cultural da cidade, como centro aglutinador para as súas respectivas cortes – entre eles, cítense Osoiro Eanes, Airas Fernández Carpancho e Afonso Eanes do Cotón-. Alén dos poetas que eran membros das famílias nobres, é preciso lembrar os clérigos, os xograres e os burgueses composteláns, cuxas composicións nos foron transmitidas pola tradición manuscrita.





Así sendo, a serie representativa da lírica galego-portuguesa que aquí se expón ten Santiago de Compostela como fío condutor, abranxendo tamén, en certa medida, as áreas xeográficas limítrofes ou máis próximas á capital galega, correspondentes aos actuais concellos de Ames, Teo e Brión.





Ir ao roteiro