Novas

As Letras Galegas na RAG

Compartir

Unha palabra para don Ricardo





A Real Academia Galega programa para o mes de maio a serie 'Unha palabra para don Ricardo', un conxunto de minipezas audiovisuais arredor da figura de Ricardo Carvalho Calero que conforman un retrato colectivo do protagonista do Día das Letras Galegas 2020.





O proxecto conta coa participación de distintos persoeiros que tiveron algunha relación co autor ao que a Real Academia Galega lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. Cada participante elixe unha palabra que destaca a calidade que, ao seu xuízo, mellor define o homenaxeado ou que retrata un trazo persoal, unha faceta ou unha obra do autor que valora especialmente, debuxando un retrato colectivo que inclúe tamén nalgúns casos a lectura de poemas ou textos de referencia de Carvalho Calero.





A emisión comezou o pasado 1 de maio coa lembranza do homenaxeado que garda o Presidente do Ateneo Salvador García-Bodaño, evocando a celebración en 1963, no salón artesoado do pazo de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela, do primeiro Día das Letras Galegas, unha data histórica en que Ricardo Carvalho Calero pronunciou unha conferencia sobre a súa protagonista, Rosalía de Castro, e a obra Cantares gallegos. Salvador García-Bodaño tamén tomou a palabra naquel acto xunto ás primeiras autoridades académicas e outros tres poetas novos: Xohana Torres, Carlos Casares e Arcadio López-Casanova, que andando o tempo serían, coma el, académicos.





Na serie tamén participan Antón Santamarina, Euloxio R. Ruibal, Henrique Monteagudo, Margarita Ledo, Rosario Álvarez, Fina Casalderrey, Francisco Fernández Rei, Ramón Villares, Xosé Luís Regueira, Manuel González, Ana Romaní, Andrés Torres Queiruga, Víctor F. Freixanes, Gonzalo Navaza, Mercedes Queixas Zas, Francisco Cidrás, Goretti Sanmartín e Fernando López-Acuña xunto a Darío Villanueva, Eduardo Maragoto, Araceli Herrero Figueroa, Carmen Blanco, José Luís Rodríguez, Pilar García Negro, Claudio Rodríguez Fer, Pilar Pallarés, Henrique Rabuñal e Martinho Montero.





Primavera das Letras





Recursos lúdicos e didácticos para nenas e nenos arredor da figura de Carvalho Calero. As propostas inclúen tanto actividades interactivas como fichas descargables para xogar e aprender sen necesidade de conexión a Internet.





Portal das palabras





O Portal das Palabras comezou o pasado mes de abril unha serie de contidos divulgativos arredor da vida e obra de Carvalho Calero. A páxina web de difusión do léxico galego da Real Academia Galega e da Fundación Barrié súmase así á celebración do Día das Letras Galegas 2020, dedicado ao filólogo, profesor e escritor, quen foi tamén membro da RAG dende o ano 1958.