Novas

As Letras Galegas na Cidade da Cultura

Compartir

A Cidade da Cultura súmase como cada 17 de maio á celebración das Letras Galegas, este ano dedicadas a Ricardo Carvalho Calero, contribuíndo a pór en valor o seu labor para dignificar o idioma e a cultura galega, e o seu prolífico traballo como historiador da literatura, crítico literario, filólogo e escritor.





A habitual lectura participativa do 17 de maio trasládase nesta ocasión ao espazo virtual, onde convidan a todas as persoas interesadas a compartir un pequeno vídeo lendo un texto do creador do enigmático Scórpio.





Para isto, propoñen unha escolma de textos realizada pola poeta Pilar Pallarés, unha das voces máis importantes da poesía galega, recoñecida en 2019 co Premio Nacional de Poesía polo seu libro Tempo Fósil. Nesta escolla atópase unha completa mostra da ampla produción literaria de Carvalho Calero, dende poesía, teatro, ensaio ou narrativa.









Esta lectura compartida será un xeito inclusivo, dinámico e participativo de achegar e promocionar a creación do escritor ferrolán a todas as persoas interesadas, e tamén a aquelas que non coñecían en profundidade a súa destacada produción literaria. Para participar, só hai que descargar a escolma de textos e facer chegar un vídeo lendo o que se desexe antes do 11 de maio. Coas achegas que reciban, montarán unha pequena peza audiovisual que se compartirá na web da Cidade da Cultura e nas súas redes sociais o 17 de maio de 2020.