Novas

XXI Ciclo de Lied (ADOC)

Compartir

 

A Asociación de Amigos da Ópera volve, neste difícil ano, a colaborar co Concello de Santiago na dirección do Ciclo de Lied, co apoio da Deputación da Coruña. O Ciclo celebra neste 2020 a súa vixésima primeira edición, coas maiores garantías sanitarias posibles. Neste momento, o aforo do Teatro Principal limítase a 60 persoas, pero a situación pode cambiar por decisión da Xunta de Galicia ata a metade do aforo.

Baixo o título A beleza da melancolía, o programa deste ano trazará un percorrido pola estreita relación que se establece no xénero entre a poesía e a música, así como as emocións que se debullan nestas composicións de carácter intimista e evocador. Ademais, cada un dos tres concertos que se propoñen porán o foco nunha particularidade histórica concreta da evolución do lied.

Deste xeito, o primeiro dos recitais centrarase en Ludwig van Beethoven, xa que neste 2020 se conmemora o 250 aniversario do nacemento do xenio de Bonn. Así, o público compostelán terá a oportunidade de gozar este venres, 18 de setembro, coas cancións compostas por Beethoven, quizais as pezas menos interpretadas do corpus deste autor universal. O tenor Manuel Gómez Ruíz será o encargado de poñerlle voz a este recital. De orixe canario, o cantante conta cunha longa e exitosa traxectoria iniciada en 2007. Foi premiado coa bolsa Richard Wagner Verband Berlin-Brandermburgo, co Premio Joven Canarias de 2015 do Goberno de Canarias ou co Premio Gran Canaria 2017 na modalidade de música da Real Sociedad Económica de Amigos del País de Gran Canaria. Estará acompañado polo Trío Arbós, Premio Nacional de Música 2013. A formación creouse en 1996 e está composta por Cecilia Bercovich, José Miguel Gómez e Juan Carlos Garvaya.

O segundo dos concertos, que se celebrará no Teatro Principal o vindeiro día 22, dividirase en dúas partes. Na primeira escoitaranse as composicións dos xermanos Schubert e Listz, mentres que na segunda se interpretarán os galos Henri Duparc e Maurice Ravel. Confrontaranse o lied alemán e a mélodie francesa, gozando así dunha selección de obras de senlleiros compositores que viviron unha época convulsa marcada pola rivalidade. O baixo-barítono francés Paul Gay será o encargado de interpretar as composicións destes autores. Gay é unha das voces máis reputadas internacionalmente grazas ás súas interpretacións dos papeis principais no repertorio francés. É un convidado habitual na Ópera de París e ten participado en diversas creacións contemporáneas. Contará coa compaña de Maciej Pikulski, pianista polaco formado no Conservatorio Superior de París e actual profesor titular do Conservatorio Superior de San Sebastián.

O XXI ciclo de Lied pecharase o 29 de setembro cun concerto que leva o título que serve de lema ao conxunto da programación: A beleza da melancolía. Neste recital, no que se interpretará a Puccini, Mahler, Korngold, Finzi, Barber e Ravel, analizarase a representación da tristura e, tamén, a súa contemplación como elemento de inspiración que guiou as diferentes manifestacións artísticas nos séculos XIX e XX. Así, grazas ás composicións da xornada, visitaranse catro grandes núcleos de creación daquela altura: Estados Unidos, o Imperio Austrohúngaro, as Illas Británicas e Francia. O baixo-barítono José Antonio López porá a voz neste concerto. Trátase dun profesional á alza que, nos últimos tempos, colleitou éxitos cantando na Musikverein de Viena, no Bozar de Bruxelas ou nos seus debuts xunto a orquestras como a Cincinnati Symphony, a BBC Symphony ou BBC Philharmonic. Sobre o escenario, López estará acompañado polo Cuarteto Novecento, conformado por catro músicos de distintos recantos de Europa que se atoparon profesionalmente en Compostela: Ildikó Oltai, Irina Gruia, Ioana Ciobotaru e Thomas Piel. Todos eles son membros da Real Filharmonía de Galicia.

As entradas están xa á venda en www.compostelacultura.gal e na billeteira do Teatro Principal, aberta de martes a sábado (e os días de evento) de 18 a 21.00 h. Os socios da ADOC poderán adquirir no Teatro, a partir do xoves, as entradas con desconto, identificándose como socios.

Programa