Novas

OS ARQUIVOS SONOROS: MEMORIA E PATRIMONIO

Compartir

5 e 6 de febreiro de 2020





Información 




·         Presentación
·         Programa
·         Inscrición





O Arquivo Sonoro de Galicia do
Consello da Cultura Galega obedece á sensibilidade impulsada pola UNESCO desde
que en 1980 recoñeceu que os documentos audiovisuais, nos cales se inclúe o
son, forman parte da herdanza da Humanidade. Responde así ao interese por
salvagardar os sons naturais e artificiais que conforman a ecoesfera terrestre
en Galicia e que, na maioría dos casos, se perden no mesmo momento de
producirse. Os primeiros pasos para gardar o son apenas teñen cen anos, dende
que a radio, a industria discográfica, os artistas sonoros e audiovisuais e
mesmo os investigadores da palabra falada comezaron a facer as primeiras
gravacións, na maioría dos casos desaparecidas pola falta de sensibilidade ou
de medios tecnolóxicos. Coa dixitalización ábrese unha vía para a conservación
dos antigos materiais producidos en soportes analóxicos e un camiño para a
conservación dos novos, que facilitará a conservación de rexistros sonoros que
desaparecen pola evolución fisiolóxica das persoas, o cambio climático ou se
extinguen pola evolución tecnolóxica e a desaparición de rutinas produtivas
artesanais. 



Neste momento, o Arquivo Sonoro de Galicia conta con máis de 20 000 rexistros
sonoros, procedentes de adquisicións e doazóns entre os que se atopan 7000
rexistros, das emisións de RNE en Galicia ao longo da segunda metade do século
XX. Unha das xoias do ASG é a colección de máis de setecentos discos de pedra
producidos en Galicia ou con contidos galegos, moitos dos cales xa se poden oír
na web do Arquivo. As “lousas” son pezas únicas, cunha tiraxe de 200 exemplares
que non son exactamente iguais entre si. Na maior parte son gravacións
impulsadas dende a emigración para levar a América os sons de Galicia.



Este Seminario sobre Memoria e Patrimonio está dirixido a persoal do ámbito
arquivístico, comunicativo, investigador, historiador e persoas en xeral interesadas
no estudo e conservación sobre o patrimonio sonoro. Con el preténdese
concienciar sobre o valor identitario do son e afondar nas técnicas de
dixitalización que permitan a súa conservación para o futuro da man de
recoñecidas especialistas con longa experiencia na preservación do son, na
radio como fonte documental sonora, o son como creador de identidade, a análise
acústica perceptiva e afectiva das paisaxes sonoras e os mapas sonoros como
recurso colaborativo para a identificación acústica dun país.





Máis Información en www.consellodacultura.gal