Visita guiada á exposición "Galicia, un relato no mundo"

Data
Mércores, 15 de xaneiro de 2020
Horario
17.00h
Lugar
Museo Centro Gaiás
Ateneo Viaxeiro
Compartir

O mércores, 15 de xaneiro, ás 17h o Ateneo de Santiago realizará unha visita gratuíta á exposición “Galicia, un relato no mundo”, situada no Museo Centro Gaiás, a cal estará guiada polo Comisario da mostra Manuel Gago.

As prazas son limitadas polo que todo aquel que queira participar deberá inscribirse no enderezo ateneo@ateneodesantiago.com antes do luns 13 de xaneiro, tendo preferencia de admisión os socios do Ateneo de Santiago.

Esta exposición explora a interacción entre o territorio histórico galego e o resto do mundo nun percorrido que nos leva desde a prehistoria ata a actualidade. No marco desta mostra chegan por vez primeira a Galicia destacadas pezas de alto valor simbólico para a historia e a cultura do noso país e que se atopan en prestixiosas coleccións museísticas en distintos recantos do mundo como a Cambridge University- Parker Library, as Bibliotecas Bodleian da Universidade de Oxford, o Museo do Prado, a Biblioteca Apostólica Vaticana, a Biblioteca de Arezzo en Italia ou o Museu Nacional de Arqueologia de Portugal. Entre estas obras destacan a Biblia Kennicott –unha das biblias xudías máis valiosas, creada no s.XV na Coruña–, a Santa de Asorey –que o propio escultor cambadés cualificou como a obra da que estaba máis satisfeito–, dous Códices Calixtinos (os Liber Sancti Iacobi da Biblioteca Vaticana e da Universidade de Salamanca –dous dos tres únicos calixtinos iluminados ademais do orixinal de Santiago que se conservan no mundo–), o Libro das Invasións –onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán, o personaxe lendario cuxo fillo Ith avistou Irlanda desde o faro de Brigantia, e figura destacada no propio Himno Galego, que converte Galicia no Fogar de Breogán–; o Cancioneiro da Vaticana –peza imprescindible da lírica galaico-portuguesa– ou o Mapa de Sawley, considerado un dos primeiros mapa mundi enciclopédicos europeos que na época do Pórtico da Gloria (s.XII) representa a Catedral de Santiago como o edificio máis importante de Europa.

Máis información

Próximos eventos Ver axenda