A Biblioteca de Eleonore. Fantasías para viola da gamba de Telemann

Data
Martes, 13 de outubro de 2020
Horario
20.00h
Lugar
Igrexa da Universidade
Máis información

PROTOCOLO SANITARIO (de obrigado cumprimento)

Máis información

Compartir

Cita especial do festival, esta vez co Barroco alemán, na que Sara Ruiz presenta as recentemente descubertas fantasías para viola da gamba de Georg Philipp Telemann, obras de plena actualidade que veñen a enriquecer o rico legado froito do xenio dun compositor viaxeiro, considerado o máis prolífico da historia da música e contemporáneo de Bach e Haendel. Telemann deixou unha vastísima obra froito da súa inesgotable imaxinación musical e estas fantasías do xenio de Magdeburgo, máis alá de satisfacer as necesidades dos apaixonados da viola da súa época, estaban destinadas a converterse en pedra angular do repertorio para este instrumento. Foi a poetisa Eleonore von Münster quen gardou coidadosamente na súa biblioteca unha copia destas doce fantasías para viola solista que até hai moi pouco, 2015, se consideraban perdidas e que presentan un universo novidoso e diferente respecto ao repertorio para viola solista xa coñecido: unha xoia, sen lugar a dúbidas o máis importante achado para o repertorio de viola da gamba en tempos actuais, que tras durmir sumidas nun longo letargo, grazas á biblioteca de Eleonore, non volverán a ser esquecidas. Talentosa e laureada violagambista, Sara Ruiz colaboradora con prestixiosos conxuntos barrocos e dirixe o seu propio grupo La Bellemont, ao mesmo tempo que, como mestra no Conservatorio de Vigo, está a desenvolver unha extraordinaria labor formando en Galicia unha nova xeración de intérpretes de viola da gamba.

SARA RUIZ  viola da gamba
Nada en 1977 en Madrid en 1977, cidade onde comezou os estudos de viola da gamba con Itziar Atutxa e Pere Ros antes de trasladarse a Sevilla e obter o título superior con Ventura Rico. Rematou coas máximas cualificacións un post-grao con Lorenz Duftschmid na Musikhochschule de Trossingen (Alemaña) e entre 2004 e 2008 estudou con Vittorio Ghielmi en Lugano (Suíza). Ademais estudou música de cámara co laudista Rolf Lislevand e realizou cursos de perfeccionamento con Jordi Savall, Philippe Pierrot e Christophe Coin.

Colabora con ensembles da categoría de Ámsterdam Baroque Orquestra, Armonico Tributo Austria, Al Ayre Español, La Grande Chapelle, Neue Inssbrucker Hofkapelle, La Reverencia, La Tempestad, Consort de Violas da Gamba da Universidade de Salamanca, Orquestra Barroca de Sevilla, etc. Interpretou como solista o Concerto para frauta de pico e viola da gamba de Telemann xunto á prestixiosa orquestra La Cetra Barockorquester Basel. En 2006 gañou o terceiro premio e o premio especial á mellor interpretación da música de C. F. Abel no Concurso Internacional de Viola da Gamba “Bach-Abel” celebrado en Köthen (Alemaña) e cun xurado formado polos prestixiosos gambistas Wieland Kuijken, Paolo Pandolfo e Marianne Müller.

O seu primeiro disco como solista, La voix de la viole, gravado co seu ensemble La Bellemont e dedicado á música de Marin Marais, foi galardoado con 5 Diapasóns na revista francesa Diapason. En proceso de montaxe están os seus próximos rexistros dedicados ás suites para viola da gamba de François Couperin e ás fantasías de Telemann. O seu ensemble La Bellemont foi nomeado como mellor grupo barroco nos premios GEMA e o seu disco Plaisir sacré dedicado aos petit motets de Couperin foi nomeado aos prestixiosos premios ICMA (Internacional Classical Music Awards) na categoría de barroco vocal.

Foi profesora nos conservatorios superiores de Sevilla e Salamanca e na actualidade ensina viola da gamba no Conservatorio Superior de Música de Vigo, labor que compaxina cunha intensa actividade concertística. Foi profesora no Curso de Música Antiga de Galaroza, no Primeiro Encontro Ibérico de Viola da Gamba de Porto (Portugal) e no Forum Alte Musik de Sankt Gerold (Austria) e impartiu clases maxistrais en Wroclaw (Polonia), Vicenza (Italia) e Salzburgo (Austria). Forma parte do consorcio europeo Violanet, un proxecto para o desenvolvemento da viola da gamba xunto a Vittorio Ghielmi, Mieneke van der Velden, Marianne Muller e Bettinna Hoffmann e os conservatorios de Salzburgo, A Haia, Lyon, Florencia e Vigo. Sara Ruiz toca unha viola da gamba orixinal austríaca de principios do século XVIII.

PROGRAMA

Georg Philipp Telemann (1681-1767)
Fantasía 1 en do menor
Fantasía 5 en Si bemol Maior
Fantasía 3 en mi menor
Fantasía 6 en Sol Maior
Fantasía 7 en sol menor
Fantasía 11 en re menor

Próximos eventos Ver axenda