Monte-Verdi: A arte da redución operística

Data
Venres, 16 de outubro de 2020
Horario
20.00h
Lugar
Paraninfo da Universidade
Máis información

PROTOCOLO SANITARIO (de obrigado cumprimento)

Máis información

Compartir

Monte·Verdi: A arte da redución operística *
300 anos de ópera italiana fóra dos teatros

ROBERTA INVERNIZZI  soprano
ARS ATLANTICA
MANUEL VILAS  proxecto artístico, arpa doppia e dirección
MARIÑA GARCÍA BOUSO  violín barroco
SARA RUIZ  viola da gamba
PATRICIA REJAS  piano romántico
JOSÉ MANUEL DAPENA  guitarra romántica

* programa encargo do festival Ateneo Barroco / estrea absoluta

A vocación do festival Ateneo Barroco de plataforma de fomentar o diálogo e o intercambio dos músicos galegos con artistas internacionais resulta particularmente patente no programa de encargo Monte×Verdi, unha estrea absoluta que propicia o encontro dos músicos galegos de Ars Atlántica cunha das grandes voces da ópera barroca e da música antiga, a soprano milanesa Roberta Invernizzi, intérprete e músico sensible e extraordinaria artista. Coa ópera como motor e partindo do primeiro barroco, dende os primeiros anos do século XVII, o programa Monte×Verdi camiña cara adiante até finais do XIX: unha viaxe que nos traslada ao mesmo tempo aos teatros de ópera e aos salóns, fogares, festas e celebracións, igrexas, conventos, palacios…  A ópera causaba furor e o público non se conformaba con gozar dela só nos teatros; se a ópera tivese limitado a súa difusión só a este espazo, suporía realmente un gran fracaso. O percorrido do programa Monte×Verdi pola ópera italiana, como o seu título xa adianta, comeza e acaba en dúas figuras transcendentais da historia da ópera, Claudio Monteverdi e Giuseppe Verdi, pasando por arias e outras pezas operísticas de compositores imprescindibles como Antonio Cesti, Giovanni Paisiello, Gioachino Rossini, Alessandro Scarlatti, Gaetano Donizetti, Nicolo Piccinni, Antonio Vivaldi e Vincenzo Bellini. O conxunto galego Ars Atlántica que fundou dirixe o arpista compostelán Manuel Vilas, sen dúbida un dos grandes valores da música antiga en Galicia, reúne para a ocasión un conxunto de solistas galegos que combina talento e experiencia máis que salientables: Rosalía Gómez Lasheras (pianista de emerxente carreira e coñecedora dos instrumentos de teclado históricos), José Manuel Dapena (emprendedor e versátil guitarrista embaixador da cultura da guitarra polo mundo), Sara Ruiz (violagambista que colaboradora con prestixiosos conxuntos barrocos, recooñocida solista e fundadora e directora do seu propio grupo La Bellemont) e Mariña García-Bouso (nova violinista galega formada en Porto e especializada en música antiga cun prometedor futuro por diante). Roberta Invernizzi é considerada unha das grandes voces da ópera barroca e da música antiga e o seu currículo fala por si só: máis de 100 discos gravados, incluido primicias mundiais e numerosos galardóns; actuacións con directores da talla de Ivor Bolton, Giovanni Antonini, Nikolaus Harnoncourt, Claudio Abbado, Ton Koopman, Gustav Leonhardt, Frans Brüggen, Jordi Savall, Alan Curtis, Fabio Biondi, Rinaldo Alessandrini, Gustavo Dudamel, etc., nos máis coñecidos escenarios de París, Viena, Salzburgo, Londres, Milán, Berlín, etc.

PROGRAMA

Gaetano Donizetti (1797-1848)
Obertura de Don Pasquale
transcrición para piano anónima (París, c. 1848)

Vincenzo Bellini (1801-1835)
“Casta Diva”, cavatina de Norma
arranxo para voz e piano de autor anónimo (Madrid, c.1833)

Alessandro Scarlatti (1660-1725)
“Crudo no, aura lieve ma infesta”, aria de La Rosmene
versión reducida da época de autor anónimo

Antonio Vivaldi  (1678-1741)
“Io son quel gelsomino”, aria da ópera Arsilda Regina di Ponto
adaptada para voz e continuo por autor anónimo, principios do século XVIII

Giuseppe Verdi (1813-1901)
Fantasía para guitarra sobre motivos de La Traviata
composta por Julián Arcas (1832-1882)

Gioacchino Rossini (1792-1868)
“Tu che accendi questo core”, cavatina de Tancredo
arranxada para voz e guitarra por Ventura Maria de Ripa (s. XVIII-XIX), Madrid, c. 1818

Niccolo Piccinini (1728-1800)
Aria transcrita para violín da ópera La Cecchina
John Walsh (Londres, 2º metade século XVIII)

Giovanni Paisiello (1740-1816)
“Begli occhietti”, aria da ópera Don Chisciotte della Mancia
versión de Nápoles (1769), arranxo de Manuel Vilas segundo prácticas da época

Antonio Cesti (1623-1669)
“Intorno all’idol mio”, aria de L’ Orontea
aria en versión reducida, anónimo do século XVII

Giuseppe Verdi (1813-1901)
“Oh nel fuggente nuvole”, escena e aria de Attila
reducidas para voz e piano por autor anónimo (c. 1846)

Claudio Monteverdi (1567-1643)
Tocata-improvisación para arpa sobre o lamento da ópera Ariadna (Manuel Vilas)

Claudio Monteverdi (1567-1643)
“Tu sei morta” / “Ecco pur ch’a voi ritorno”, arias da ópera L’Orfeo
arias reducidas para soprano e baixo continuo procedentes de manuscritos anónimos do século XVII

 

ROBERTA  INVERNIZZI  soprano
Nada en Milán, foi pianista e intérprete de contrabaixo antes de estudar canto baixo a tutela de Margaret Heyward. Roberta Invernizzi é unha das máis solicitadas solistas nos repertorios barroco e clásico. Gran intérprete de Haendel, ten interpretado os papeis de María Magdalena de La Resurrezione no Musikverein de Viena, Medea de Teseo en Karlsruhe, Orianda de Amadigi no Handel Festival de Halle e na Ópera Real de Versalles, Cleopatra de Giulio Cesare coa Orchestra of the Age of Enlightenment, Flavia de Silla no Théâtre des Champs-Elysées e no Konzerthaus de Viena, Emirena de Adriano in Siria en Madrid e Valencia baixo a dirección de Fabio Biondi, Nerone de Agrippina no Teatro Real de Madrid, Armida de Rinaldo dirixida por Ottavio Dantone e posta en escena por Pier Luigi Pizzi na Scala de Milán, etc.

No eido da ópera e o teatro lírico, ademais, Roberta Invernizzi ten cantado os roles principais de Dido e Eneas (Teatro Filharmónico de Verona e Teatro Regio de Torino), La Santissima Trinità de Scarlatti, Ercole sul Termodonte de Vivaldi (Théâtre des Champs-Elysées de París), Statira de Cavalli (Teatro San Carlo de Nápoles), Olimpiade de Galuppi (La Fenice de Venecia), L’Orfeo de Monteverdi (na Scala de Milán baixo a dirección musical de Rinaldo Alessandrini e escénica de Robert Wilson e en Turín xunto a Antonio Florio), Il ritorno di Ulisse in patria (Elphilharmonie de Hamburgo con Europa Galante e Fabio Biondi), etc. Roberta Invernizzi canta regularmente no Festival de Salzburgo, onde ten protagonizado Sant’Elena al Calavario de Hasse con Fabio Biondi; Aci, Galatea e Polifemo de Haendel xunto a Giovanni Antonini; Il trionfo del Tempo e del Disinganno (Thomas Haselböck), Isacco de Jommelli, a Misa en do menor (Gustavo Dudamel) e a Misa do Orfanato (Claudio Abbado) de Mozart, etc. Tamén cómpre salientar as súas colaboracións co Musikvererein de Viena e o Styriarte Festival de Graz (obras de Mozart baixo a dirección de Nikolaus Harnoncourt), co Mozarteum de Salzburgo (recitais con repertorio barroco con Il Giardino Armonico) ou co Teatro alla Scala de Milán (Stabat Mater de Pergolesi con Ottavio Dantone e o prestixioso concerto de Nadal dirixido por Giovanni Antonini).

Roberta Invernizzi ten traballado con directores da talla de Ivor Bolton, Giovanni Antonini, Nikolaus Harnoncourt, Claudio Abbado, Ton Koopman, Gustav Leonhardt, Frans Brüggen, Jordi Savall, Alan Curtis, Fabio Biondi, Antonio Florio, Rinaldo Alessandrini, Ottavio Dantone, etc., e actuado con orquestras da reputación de Concentus Musicus Wien, Orchestra Mozart, Accademia Bizantina, Il Giardino Armonico, Cappella della Pietà de’ Turchini, Concerto Italiano, Europa Galante, Ensemble Matheus, Venice Baroque Orchestra, I Barocchisti, etc. Roberta ten gravado máis de 100 discos (Sony, Deutsche Gramophone, EMI/Virgin, Naïve, Glossa, Opus 111), moitos deles primicias mundiais, cos que recibiu galardóns como Diapason d’Or, Choc du Monde de la Musique, Gramophone Award, Goldberg’s Five Stars ou Preis der deutschen Schallplattenkritik. Tamén gañou en 2007 o MIDEM Classical Award e o prestixioso Stanley Sadie Handel Recording Prize polo seu álbum Dolcissimo sospiro e, de novo en 2010, o Stanley Sadie Handel Recording Prize co seu compacto como solista de cantatas italianas de Haendel.

Entre os seus recentes e futuros compromisos cómpre salientar os papeis de Flavia do Silla de Haendel no George Enescu Festival de Bucarest e en Asia baixo a dirección de Fabio Biondi, Ipomene en Empio punito de Alessandro Melandi, dirixido musicalmente por Carlo Ipata e escenicamente por Jacopo Spirei, no Teatro Verdi de Pisa, San Giovanni no oratorio de Scarlatti Vergine addolorata no Baroque Festival da Staatsoper Berlin ou, con Claudio Osele, Giunone do Semele de Hasse no Theater an der Wien, Verona e Rheinsberg.

 

ARS ATLÁNTICA
Ars Atlántica formouse en 2007 e está dirixido polo arpista Manuel Vilas. Dedicado á interpretación de repertorios musicais dos séculos XII ao XVIII con especial énfase no repertorio portugués, español, italiano e hispanoamericano, o ensemble amosa un especial interese pola recuperación musical de ambientes privados e íntimos. O debut discográfico de Ars Atlántica consistiu na primeira gravación mundial das cantatas venecianas procedentes do palacio Contarini en Piazzola Sul Brenta (Padova) xunto á mezzosoprano Marta Infante, rexistro sonoro que recibiu excelentes críticas así como o galardón Preslude Award Music (Holanda) como un dos mellores discos de música antiga do ano 2010.

Ars Atlántica ten participado en prestixiosos festivais como Via Stellae, Quincena Musical Donostiarra, Festival de Música Antiga de Vitoria, Festival de Órgano de Cascante, Festival de Música Sacra de Quito (Ecuador), Festival de Gante (Bélxica), Festival dos Pirineos, Festival de Casalarreina, Americas Society (New York), Festival Músika-Música (Bilbao), Real Coliseo de Carlos III (El Escorial), Festival Enclaves (Huesca), Festival de Música Antiga de Aranjuez, etc.

Ars Atlántica e o seu director Manuel Vilas están a levar adiante o proxecto de gravación dos 100 tons humanos procedentes do chamado Manuscrito Guerra (segunda metade do século XVII), unha das principais fontes para o coñecemento da música vocal profana do barroco hispano: o proxecto inclúe o rexistro e publicación da totalidade das pezas deste manuscrito en seis discos compactos, dos que xa se teñen publicado os cinco primeiros na discográfica inglesa Naxos, recibindo excelentes críticas e dous recoñecementos: Disco Excepcional da revista Ritmo (maio 2011) e Disco do Mes da Musicweb internacional (Estados Unidos, decembro 2012).

Ars Atlántica salienta pola peculiaridade das súas propostas, onde a música, historia e outras disciplinas artísticas danse a man para estreitar o contacto co público e facelo sentir como nunha reunión familiar de época: dende un palacio español do século XVII a un salón inglés, un paseo en góndola pola Venecia do XVIII, un convento de clausura do XVII ou unha taberna da Sevilla barroca, o obxectivo sempre será dar unha volta por determinados ambientes do pasado.

En total primicia Ars Atlántica representou a ópera Rinaldo de Haendel na súa versión reducida autorizada por Haendel en 1711 durante a clausura do Festival Via Stellae 2015 (Santiago de Compostela) e presentouse xunto a Marta Infante no Festival de Música Antiga de Gante. Recentemente participou nos homenaxes que a Universidade de Salamanca dedicou a Juan del Encina.

Ars Atlántica colabora ocasionalmente co cuarteto vocal Vandalia coa intención de difundir os tons humanos polifónicos; xuntos teñen materializado varios proxectos de recuperación patrimonial que quedaron reflexados nun disco dedicado a tons polifónicos do barroco español titulado Hirviendo el mar e publicado na discográfica IBS en 2018. Actualmente recibiron unha bolsa da Fundación BBVA para realizar un disco dobre dedicado a un dos grandes cancioneiros do século XVII español, o Cancionero de la Sablonara.

Ars Atlántica recibiu en 2015 o premio Festclásica outorgado pola asociación de festivais españois de música antiga e, máis recentemente, o premio á mellor produción discográfica 2018 por parte da Asociación de Grupo Españoles de Música Antigua (GEMA).

MANUEL VILAS  arpa doppia, proxecto artístico e dirección
Nado en Santiago de Compostela, formouse en arpas antigas dos séculos XII ao XVIII en Madrid con Nuria Llopis e en Milán con Mara Galassi. Ten colaborado con numerosos grupos e como solista nos máis importantes festivais de España, Alemaña, Italia, Cuba, Estados Unidos, Ecuador, República Checa, Austria, Noruega, Portugal, Suíza, Paraguai, Francia, Bolivia, Bélxica, Arxentina, Chile, Holanda, Colombia, Hungría, etc., ademais de ofrecer conferencias, cursos e clases maxistrais en San Sebastián, Santiago de Chile, Zaragoza, Amherst (Massachussets), Santiago de Compostela, La Habana , A Haia, Quito, Bogotá, etc. Ten colaborado, como acompañante e como solista, en máis de 60 discos de diversos selos discográficos. En 2008 fundou o ensemble Ars Atlántica. É pioneiro na recuperación de arpas antigas hoxe esquecidas, como a arpa dobre da Coroa de Aragón (século XIV), a arpa chiquitana (Bolivia, século XVIII) e a arpa do virreinato de Perú (séculos XVII e XVIII). Unha das súas especialidades é ofrecer recitais con cantantes e ten acompañado a Marta Infante, Guillemette Laurens, Raquel Andueza, Maria Jonas, Isabel Monar, Juan Sancho, Roberta Invernizzi, Olalla Alemán, Mercedes Hernández, María del Mar Fernández Doval, Paloma Gutiérrez del Arroyo, Marivi Blasco, Jose Antonio López, Isabel Álvarez, Francisco Fernández Rueda, Yetzabel Arias, Monica Piccinini, etc. Foi convidado para representar a España no VI Festival Mundial de Arpa (Asunción, Paraguai) sendo o primeiro arpista en ofrecer un recital de arpa de dúas ordes neste país. Posúe o seu propio canal de youtube, onde se pode ver e escoitar parte do seu proxecto audiovisual no que amosa diversas arpas antigas en diferentes localizacións de Santiago de Compostela (ArpaManuelVilas).

MARIÑA GARCÍA-BOUSO  violín barroco
Comezou a estudar violín aos sete anos en Ribadeo e en 2005 trasladouse a Portugal para estudar na Escola Profissional de Música de Viana do Castelo. En 2008 decidíu especializarse en Música Antiga, realizando o grao superior coa violinista Amandine Beyer na Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo de Porto, centro no que en 2016 conclúe o Máster en Interpretación. Ten colaborado coas orquestras Divino Sospiro, Concerto Ibérico, Flores de Música, Gli Incogniti, Orquesta Barroca de Vigo 430, Orquestra Barroca da Casa da Música e Orquesta Barroca da Universidade de Salamanca.

PATRICIA REJAS  piano romántico
Tras licenciarse nos estudos superiores de piano e música de cámara en Vitoria, interesada pola interpretación de instrumentos históricos, ingresou no Conservatorio Nationale de Règion de París para perfeccionarse no estudo do fortepiano baio la dirección de Patrick Cohen. Como intérprete compaxina o piano moderno e o fortepiano. Imparte cursos sobre organoloxía de instrumentos de tecla e sobre o Clasicismo, ademais de publicar artigos e libros sobre organoloxía. Participou nos festivais galegos Espazos Sonoros, Vía Stellae, Cidade de Lugo e Sinsal e ofreceu recitais en Italia, Lituania, Francia, Portugal, etc. Foi profesora de piano nos conservatorios Cristóbal Halffter de Ponferrada e Superior de A Coruña e, na actualidade, o é no Conservatorio Superior de Vigo. É doutora pola Universidade de Vigo e, na súa faciana como investigadora, ten publicado varias edicións de música inédita para teclado e ten catalogado os arquivos musicais dos mosteiros de Ferreira de Pantón e Valdeflores (Lugo).

SARA RUIZ  viola da gamba
Nada en Madrid, comezou os estudos de viola da gamba con Itziar Atutxa e Pere Ros antes de trasladarse a Sevilla, onde obtén o título superior con Ventura Rico. Rematou coas máximas cualificacións un post-grao con Lorenz Duftschmid na Musikhochschule de Trossingen e entre 2004 e 2008 estudou con Vittorio Ghielmi en Lugano. Ademais estudou música de cámara co laudista Rolf Lislevand e realizou cursos de perfeccionamento con Jordi Savall, Philippe Pierrot e Christophe Coin. Colabora con ensembles da categoría de Amterdam Baroque Orquestra, Armonico Tributo Austria, Al Ayre Español, La Grande Chapelle, Neue Inssbrucker Hofkapelle, La Reverencia, La Tempestad, Orquestra Barroca de Sevilla, La Cetra Barockorquester Basel, etc. En 2006 gañou o terceiro premio e o premio especial á mellor interpretación da música de C. F. Abel no Concurso Internacional “Bach-Abel” celebrado en Köthen e cun xurado formado polos prestigiosos gambistas Wieland Kuijken, Paolo Pandolfo e Marianne Müller. O seu primeiro disco como solista, La voix de la viole, gravado co seu ensemble La Bellemont e dedicado á música de Marin Marais foi galardoado con 5 Diapasóns na revista francesa Diapason. Sara Ruiz toca unha viola da gamba orixinal austríaca de principios do século XVIII e é profesora de viola da gamba no Conservatorio Superior de Vigo.

JOSÉ MANUEL DAPENA  guitarra romántica
Dende os estudos elementais do instrumento recibíu clases do guitarrista David Russell, quen ten influido de maneira transcendental na súa concepción da guitarra e quien escribiu: “é un excelente intérprete, cun son redondo e forte, áxil técnica e capaz de crear maxia co seu fraseo musical». A crítica en Estados Unidos escribiu loubanzas como «un guitarrista de talento e un expoñente artístico da cultura española», «un concierto perfecto de musicalidade conmovedora», «un mestre da guitarra española» ou «sen dúbida, este debut fue un éxito», facendo referencia ao seu debut en 2008 no Carnegie Hall de New York. Actuou en festivais e ciclos de guitarra de Columbia, Miami, Kiev, Madeira, Mexico, Sao Paulo, Bangkok, Kirov, Túnez, Nueva Delhi, Moscova, Shanghai, etc. Ten gravado dous discos: Rincón mágico: Obra completa para guitarra de Joaquín Turina e Al pie de una guitarra: Música para guitarra inspirada en la poesía de Miguel Hernández.

Próximos eventos Ver axenda