O sábado, 10 de abril, o Ateneo de Santiago realizará unha visita a Oleiros, que inclúe as seguintes visitas:

MAÑÁ:
Exposición homenaxe a Isaac Díaz Pardo «Ensambleisaac» e Castelo de Santa Cruz
A exposición «Ensambleisaac» de Paco Díaz combina unha escultura construída e deseñada en base a pezas ensambladas dunha ampla representación de oleiros e ceramistas galegos. A mostra conta con obras literarias, pictóricas, fotográficas e musicais que fan referencia á figura de Díaz Pardo.
O Castelo de Santa Cruz é unha construción defensiva do século XVI, enclavado nun illote ao que se accede mediante unha pasarela, reconvertido en pazo pola familia de Emilia Pardo Bazán.
Museo Os Oleiros 
Museo monográfico dedicado á olaría con gran variedade de pezas recompiladas pola península e América. Está situado no Pazo As Torres en Santa Cruz, en cuxos xardíns se pode ver un exemplar arbóreo de ombú centenario.
Comida.
TARDE:
Parque As Galeras
Cunhas vistas admirables sobre a cidade da Coruña, conta co Miradoiro do eco, onde sorprende un peculiar efecto sonoro.
Faro de Mera
Pequeno faro de planta circular, situado nun punto estratéxico para divisar as bocanas das rías da Coruña, Ares e Betanzos. No exterior obsérvase outro faro e a antiga casa do fareiro, rehabilitada como Aula do Mar. 

Como consecuencia da pandemia do coronavirus e para unha maior seguridade, o traxecto ata Oleiros realizarase en vehículos particulares. Aquelas persoas que non dispoñan de coche serán distribuídas nas prazas vacantes doutros vehículos. Así, o prezo da viaxe será unicamente o da comida, que se aboará directamente no restaurante.

As inscricións deberán realizarse no enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.com ata o martes 6 de abril, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude. O número de prazas dispoñibles é limitada polo que serán adxudicadas por orde de solicitude con preferencia para os/as socios/as do Ateneo. 

Próximos eventos Ver axenda