O xoves, 17 de xuño, o Ateneo de Santiago realizará unha visita a Betanzos, co seguinte programa:

9.15h. Saída en autobús da Rúa da Rosa de Santiago.

10.15h. Chegada a Betanzos. Praza Irmáns García Naveira.

10.30h. Visita guiada ao casco histórico de Betanzos, visitando, entre outros monumentos, as igrexas de San Francisco e Santa María do Azogue. Duración estimada: 1 hora e 30 minutos. 
Betanzos, vila coñecida como “dos Cabaleiros”, foi unha das sete capitais do Reino de Galicia. O seu belísimo casco histórico foi declarado conxunto histórico-artístico no ano 1970. Betanzos conta con dous monumentos nacionais, as igrexas góticas de Santa María de Azogue e San Francisco.

Percorrido pola Fundación CIEC, Centro Internacional da Estampa Contemporánea.
Situada no casco histórico, tamén coñecida como Casa de Nuñez, é unha obra de Rafael González Villar do ano 1923. É un centro de arte gráfico: escola taller, sala de exposicións, coleccións e biblioteca. O seu principal obxectivo é promocionar e difundir as artes plásticas en xeral e a arte gráfica en particular.

12.00h. Ruta Fluvial polo río Mandeo. Percorrido ata os Caneiros na embarcación “Diana Cazadora”. Duración estimada: 1 hora e 30 minutos.
Ao longo do percorrido entre A Ponte Vella e Os Caneiros, coñeceranse aspectos da fauna e flora, a historia da cidade vinculada ao río, o cultivo dos viñedos e os distintos aspectos da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

14.15h. Comida no Restaurante Casa Carmen (Betanzos). Menú:
          Tortilla / Croquetas 
          Ensalada
          Carne asada ou Bacallau
          Viño branco e tinto / Cervexa / Auga
          Sobremesa e café

17.00h. Visita guiada ao Pazo de Mariñán, interior e xardíns. Duración: 45 minutos.
As súas orixes remóntanse a unha fortaleza militar mandada edificar no século XV que, co paso do tempo, foi convertida nunha construción civil para uso residencial de familias da nobreza galega, ata que no ano 1936 o seu dono legou o conxunto á Deputación da Coruña, quen actualmente o vén dedicando a actividades socioculturais. Do século XVIII datan as dúas escalinatas do Patio de Armas e a que descende aos xardíns. O xardín, pertencente á escola francesa, divídese en tres zonas: ornamental, hortícola e arboreda.

O prezo da viaxe estará arredor dos 45€ por persoa, incluíndo autobús, barco, comida e visitas, e os cales se aboarán directamente o mesmo día da visita.

As inscricións deberán realizarse no enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.gal ata o luns, 14 de xuño, indicando a opción elixida para o segundo prato (carne asada ou bacallau) e admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude. O número de prazas dispoñibles é limitada polo que terán preferencia de admisión os ateneístas que non asistiron á anterior excursión e, posteriormente, os demais socios/as por orde de inscrición.

Próximos eventos Ver axenda