Ciclo «Cinema, Doc, Música»

Data
Martes, 5 e mércores, 6 de outubro de 2021
Horario
19.00h
Lugar
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
Máis información

Obrigatorio:

Uso de máscara en todo momento

Certificado de vacinación

Web Ateneo Barroco

Anexos
PROTOCOLO SANITARIO (de obrigado cumprimento)
Compartir

Como ilustrativo complemento didáctico, o festival Ateneo Barroco volve achegar unha serie de sesións cinematográficas e documentais que amplían os contidos do festival e ofrecen unha panorámica suplementaria de aspectos musicais, de eventos históricos, de personaxes, en resumo, de historias do Barroco e as súas músicas filtradas a través da visión de cineastas, músicos, artistas, escritores, musicólogos e especialistas. En concreto e nesta terceira edición do festival, a proposta de cinema e documental inclúe, no 30º aniversario da súa estrea, a proxección dun título emblemático do cinema musical histórico francés como Tous les matins du monde, filme de Alain Corneau que contou coa inspirada dirección musical de Jordi Savall. Recoñecido especialista da viola da gamba (instrumento que tocaban os dous músicos franceses protagonistas de Todas as mañás do mundo, Marin Marais e Monsieur de Sainte-Colombe), o prestixioso músico catalán protagoniza un documental que enriquece o visionamento deste fermoso filme e que se titula Jordi Savall, na busca do son perfecto.

TOUS LES MATINS DU MONDE [30º aniversario]
Alain Corneau. Francia, 1991. 109’
Gérard Depardieu, Jean-Pierre Marielle, Anne Brochet
Rúa do Vilar, 19
martes 5 outubro 2021
19.00h

Cúmprense 30 anos da estrea de Tous les matins du monde (Todas as mañás do mundo), película dirixida por Alain Corneau que narra a historia compartida por dous músicos na Francia do século XVII: Monsieur de Sainte-Colombe (Jean-Pierre Marielle) e Marin Marais (Gérard Depardieu). Neste filme, con guión baseado na novela de Pascal Quignard, Alain Corneau debuxa maxistralmente a relación entre mestre e alumno, Sainte-Colombe e Marais, dous músicos do Barroco francés de moi diferente carácter e xeito de comprender a música e dous mestres da composición e dun instrumento longo tempo esquecido como a viola da gamba, un instrumento que, sen dúbida, este filme de Alain Corneau contribuíu a achegar ao gran público. Boa parte do éxito e prestixio de Tous les matins du monde, merecedor de sete galardóns nos premios do cinema francés César, pode asimilarse á dirección musical do filme, realizada por Jordi Savall, probablemente o máis importante e reputado intérprete de viola da gamba, o instrumento de Sainte-Colombe e Marais. O músico catalán é o responsable da recuperación e interpretación dunha coidada selección de obras dos propios Marin Marais e Sainte-Colombe e de Jean-Baptiste Lully, François Couperin e mesmo dúas pezas orixinais de Jordi Savall. Esta extraordinaria banda sonora na que colaboraron grandes músicos como os irmáns Hantaï, Montserrat Figueras, Rolf Lislevand, Christophe Coin e a orquestra Le Concert des Nations, fundada por Jordi Savall, adquiriu valor e protagonismo tamén por si mesma e gozou nos anos noventa dunha ampla difusión en disco.

JORDI SAVALL, NA BUSCA DO SON PERFECTO
Documental, 1996. Didier Baussy-Oulianoff . 49’
Rúa do Vilar, 19
mércores 6 outubro 2021
19.00h

Como complemento á proxección do filme Tous les matins du monde, cando se cumpren 30 anos da estrea, propoñemos o visionamento do documental Jordi Savall, na busca do son perfecto, un documento dirixido por Didier Baussy-Oulianoff en 1996 e protagonizado polo responsable da banda sonora desta premiada película dirixida por Alain Corneau en 1991. O documental toma como base declaracións de Jordi Savall nas que o músico catalán afonda en diversos aspectos estilísticos e técnicos, sonoros, históricos e musicolóxicos. Rexistradas ao longo de varios meses durante o desenvolvemento de diferentes proxectos e intercalando fragmentos de concertos, gravacións e clases de Jordi Savall, Na busca do son perfecto contribúe a subliñar a relevancia dunha figura singular e transcendental na recuperación do seu instrumento, a viola da gamba, e na difusión da música antiga e barroca, amosando a súa versatilidade e as diferentes facianas dunha dilatada e frutífera carreira como solista e músico de cámara, como profesor e investigador, como director de orquestra e de ópera…

Próximos eventos Ver axenda