EUROPA GALANTE. A Chacona no barroco, de Compostela para Europa (RESONET)

EUROPA GALANTE
A Chacona no barroco, de Compostela para Europa
RESONET
MERCEDES HERNÁNDEZ  soprano
ANDREW ROBINSON  barítono
FERNANDO REYES  guitarra barroca, arquilaúde, tiorba
Teatro Principal
Venres 22 outubro 2021
20.00h

A Chacona é unha das formas musicais máis importantes da Historia. Dende os inicios da investigación musicolóxica, e sobre todo da teatral, houbo un especial interese por coñecer a orixe desta forma musical, moitas veces expresada como danza e outras como base das máis variadas composicións profanas e relixiosas, e sempre causando uns efectos especiais nos oíntes. Esta propiedade faría da chacona, a pesar da súa aparente simplicidade, unha das formas máis difundidas e aceptadas no período barroco. 
A idea da orixe de chacona na América precolombina impúxose entre as máis variadas e mesmo disparatadas teorías.É certo que Cervantes e outros autores literarios do Século de Ouro lle atribúen aparentemente esta orixe, pero tamén os mesmos autores nos din que o Demo é o inventor ou o pai da Chacona. E se observamos ben a afirmación de Cervantes, que non era investigador senón un creador literario, coas liberdades que este oficio lle daba, na chacona de La Ilustre Fregona refírese a "la chacona" como "esta indiana amulatada", o que en realidade aludiría a unha orixe africana, procedente, iso si, dos escravos levados a América.
Na música precolombina, segundo o que sabemos hoxe, non había instrumentos que puidesen soster músicas do tipo da chacona, é dicir, estruturas melódico-harmónico-rítmicas sobre as que improvisar infinidade de veces. Non se dispuña de instrumentos do tipo do laúde nin da arpa. Con todo, no occidente africano estes instrumentos tiñan tradicións milenarias; aínda hoxe existen formas e danzas nas músicas tradicionais africanas que comparten moitas características coa chacona.
Despois de máis de trinta anos de práctica especializada da música antiga e de investigacións sobre os repertorios e as súas interaccións con contextos históricos, sociais e artísticos, con particular interese nas músicas do Camiño de Santiago, chamounos poderosamente a atención unha canción anotada por un peregrino inglés no ano 1456 na Catedral de Santiago. Unha melodía curta para dar base a oito versos, escrita en tetragrama, con clave e ritmo claros, que recordaba insistentemente á chacona e que no seu propio texto mostraba correspondencias coas máis famosas chaconas do século XVII. Esta canción tiña que ser, sen dúbida, unha chacona.
A chacona é un novo símbolo xacobeo; a súa orixe está en Santiago de Compostela e dende a cidade do apóstolo, como "canción de Santiago", difundiuse primeiro por toda Europa. A Música, unha vez máis, e a chacona concretamente, a través da máis eficaz rede de comunicación entre países e clases sociais que foi e é o Camiño de Santiago, contribuíron a crear pontes entre pobos europeos. Inicialmente coñecida como canción de Santiago, e despois tamén como Chaconne, Chiacona, Giaccona, Xacona..., a chacona é hoxe un dos sinais de identidade común de Europa, que con esta descuberta é aínda máis xacobea. Dende Polonia até Inglaterra ou dende Nápoles até Dinamarca, os músicos de todo o continente, durante máis de 300 anos, tocaron e compuxeron chaconas para todo tipo de instrumentos, en situacións festivas, íntimas, teatrais, relixiosas, nas súas casas e nos pazos, nas rúas e nas prazas.
A ópera L'Europe Galante de André Camprá que dá título a este programa non podía ser menos que outras óperas barrocas; ten a súa chacona e parece conter no seu texto unha actualidade que sorprende: "Formons d'aimables jeux, laisson nous enflamer; il n'est permis icy que de rire et d'aimer" (Fagamos amables xogos, deixémonos inflamar; aquí só está permitido rir e amar), facendo unha imaxinaria alusión a un "estado de benestar" sempre fráxil e en perigo.
O programa do concerto segue ese Camiño de Santiago á inversa, que levou a canción recollida por Wey a todos os recunchos de Europa. Chaconas en linguas francesa (Campra, De la Barre, Lully), española (Hidalgo, Moulinié), italiana (Monteverdi, Strozzi, Landi, Ferrari), inglesa (Purcell) e alemá (Krieger, Biber), forman parte deste concerto xunto con chaconas instrumentais, interpretadas nesta ocasión polos cantantes Mercedes Hernández e Andrew Robinson con Fernando Reyes na tiorba, arquilaúde e guitarra barroca.

PROGRAMA

           "O baile da chacona encerra a vida bona"
Der Nachtwachter (Heinrich Ignaz Franz von Biber). O sereno: A campá tocou as oito! Teñan unha boa noite!
Sans frayeur (Marc Antoine Charpentier). Sen medoveño a estes bosques, non busco o perigo mais gustaríame temelo!
Salgan pues todas las ninfas (Juan Arañés - Miguel de Cervantes)

           "Aquí so se permite rir e amar"
Chaconne (Robert de Visée)
Biberons (Joseph Chabanceau De la Barre). Bebamos ó redor desta mesa! Viño para todos!
Formons d'aimables jeux (L'Europe galante. André Camprá). Fagamos xogos amables, aquí só se permite rir e amar!

           "As frechas do amor"
O Rosidore (A. Krieger). Rosidora!o lume, os tronos, os raios, acenden o meu triste corazón. 
Quel sguardo sdegnosetto (Claudio Monteverdi). Aquela mirada desdeñosa, aquel dardo velenoso quere ferirme o peito. Fíreme coa mirada, cúrame co sorriso!
Donna non fà che dice (Barbara Strozzi). A muller nunca fai o que di e nunca di o que fai. A esperanza é un veleno para o corazón. Ten mais quen menos espera, fala mais a muller que cala, é mais feliz quen menos cre.

           "Os placeres do amor"
She loves (Henry Purcell). Ela ámame e confésao! Entra na cidade conquistada e ignora os inimigos!
Passacaglia (King Arthur. Henry Purcell). Todas as criaturas están feitas para o amor. Non hai maior gozo que os praceres do amor.

           "Hoxe ríese e mañan chórase"
Ciaccona (Alessandro Piccinini)
Chi vol ch'io m'innamori (Claudio Monteverdi). Quen quere que me namore? Hoxe ríese e mañan chórase.
T'amai gran tempo (Stefano Landi). Ameite moito tempo e ti traizoáchesme. Estou canso, vaite!
Voglio di vita uscir (Benedetto Ferrari). Quero sair da vida, a ti renuncio, e se te ofendín amando, perdoa.

           "Ciumes e amores"
Chaconne (Francesco Corbetta)
Trompicábalas amor (Juan Hidalgo)
Orilla del claro Tajo (Étienne Moulinié)

MERCEDES HERNÁNDEZ  soprano
Nada en Santiago de Compostela, estudou canto e especializouse en música antiga no Conservatorio de Toulouse (Francia), na Musikhochschule de Trossingen (Alemaña) e na Schola Cantorum Basiliensis (Basilea, Suíza) con profesores como Guillemette Laurens, Richard Levitt, Nicolau de Figueiredo, René Jacobs e Montserrat Figueras. Colabora en concertos e gravacións, como solista e acompañante, con salientables grupos como La Capella Reial de Catalunya (Jordi Savall), Le Parlement de Musique (Martin Gester) Ensemble Elyma (Gabriel Garrido), The Harp Consort (Andrew Lawrence King), La Fenice (Jean Tubery), etc., actuando en moitos dos principais auditorios e festivais de Europa e América. No eido da ópera, en 2002 debutou no Gran Teatre del Liceu de Barcelona co rol de Ninfa da ópera de Claudio Monteverdi L'Orfeo dirixida por Jordi Savall. Imparte regularmente numerosos cursos de canto en Europa e América.

ANDREW ROBINSON  barítono
Nado en Cambridge, Inglaterra, estuda na súa famosa universidade e diplómase en canto na ABRSM e no Trinity College de Londres. Entre as súas aparicións operísticas cómpre salientar os roles de Melisso da Alcina de Haendel para a Opera Alumnus, Papageno da Frauta Máxica de Mozart (Singing Salon), Eneas de Dido e Eneas de Purcell (Baroque Collective Singers), Plutone do Orfeo de Monteverdi (Festival de Música Antiga de Brighton, BREMF), etc. En canto ao oratorio, salientan as interpretacións do Oratorio de Nadal de Bach coa Eastbourne Choral Society e o Mesías e a Misa Nelson de Haendel coa Seaford Choral Society. En 2021 interpretará o papel de Polifemo do Acis e Galatea de Haendel na produción da New Sussex Opera. A partir de 2014 canta con Resonet en numerosos concertos en Reino Unido, Francia e España. Dirixe o Brighton Early Music Festival Community Choir, coro mixto que, en colaboración con Resonet e baixo a dirección de Fernando Reyes e Mercedes Hernández, realiza dende 2013 diversos proxectos educativos e de concerto como os dedicados ao Códice Calixtino e músicas de peregrinos e o dedicado á recuperación das músicas que soarían na Idade Media na Abadía de Lewes, destruída por Enrique VIII, creado a partires do Breviario de Lewes, descuberto en Francia e conservado en Cambridge.

FERNANDO REYES  tiorba / arquilaúde / guitarra barroca
Iniciou os seus estudos como neno cantor na Escolanía da Catedral de Santiago de Compostela. Especializouse nos instrumentos antigos de corda pulsada no Conservatorio de Toulouse e na Staatliche Hochschule für Musik de Trossingen (Alemaña) con Rolf Lislevand, onde obtivo o título superior de profesor coas máximas cualificacións. Como instrumentista, tanto como solista como acompañante, realiza unha intensa actividade de concertos e gravacións en toda Europa. Ademais, compuxo e dirixiu a música de diversas obras teatrais, ten publicado diferentes artigos sobre música antiga e realizou varias guías musicais e libros-CD. Ten impartido numerosos seminarios e conferencias en distintas universidades e centros de ensino europeos. Como solista gravou Viaxe a Compostela, disco con músicas sobre diarios de peregrinos, e, xunto a Mercedes Hernández, rexistrou Tonos de Amorcompacto dedicado ás cancións para voz e guitarra do autor barroco José Marín. En 1990 en Santiago de Compostela, funda con Mercedes Hernández o grupo de música antiga Resonet(www.resonet.es), tomando o nome dunha peza do Códice Calixtino. Os seus compoñentes están especializados na interpretación da música antiga nos máis recoñecidos centros de formación de Europa e realizan numerosos concertos en prestixiosos festivais e auditorios de toda Europa, dedicando grande atención á música relacionada con Galicia e co Camiño de Santiago. Resonet atesoura unha ampla e enriquecedora discografía: La Grande Chanson: cancións dos peregrinos de Francia (s. XVII); Santiago!: música e peregrinacións no Renacemento; Les Pellerines: a moda da peregrinación en Francia (s. XVII); Il Pellegrino: a viaxe de Cosme III de Medici (1668); Canto de Nadal; Cantares Galegos - Rosalía de Castro; Canto de Ultreia: Codex Calixtinus - Cantos de peregrinos: Músicas para as festas de Santiago (s. XII); Festa Diesmúsicas para a consagración da Catedral de Santiago (1211); A Peregrina: Cantos e romances nos camiños de Santiago; Cantiga: Trobadores de Galiza e Portugal (s. XIII) e Floralba: Cantos e romances de Galicia.

Próximos eventos Ver axenda