Visita guiada á exposición «Fe. Tino Martínez 1971-2016»

Data
Sábado, 16 de outubro de 2021
Horario
12.00h
Lugar
Museo das Peregrinacións
Ateneo Viaxeiro
Compartir

O sábado, 16 de outubro, ás 12.00h o Ateneo de Santiago realizará unha visita gratuíta á exposición do Museo das Peregrinacións «Fe. Tino Martínez 1971-2016», guiada polo seu autor Tino Martínez. 

As prazas son limitadas polo que todo aquel que queira participar deberá inscribirse no enderezo ateneo@ateneodesantiago.gal, tendo preferencia de admisión os/as socios/as do Ateneo. A data límite para anotarse é o xoves, 14 de outubro.

Esta mostra ten como finalidade realizar  unha retrospectiva do traballo do fotógrafo Tino Martínez  entre 1971 e 2016, centrándose na serie de celebracións relixiosas populares de Galicia, as romarías. A romaría son dúas metades dun mesmo corpo que se complementan. Por unha banda, o sagrado, no que as persoas achegan a súa devoción e ofrendas á divindade, e, pola outra, a profana, máis relacionada co festivo. A realidade destes actos é complexa e diversa, non estanca, conformándose así un fondo común que nos ilustra sobre a heteroxeneidade das situacións e xentes das romaxes galegas. Deste xeito, Tino Martínez móstranos nesta exposición fotografías capturadas no Nazareno da Pobra do Caramiñal, os Milagres de Amil ou o Corpiño, entre outras.

Tino Martínez (Santiago de Compostela, 1943) decidiu dedicarse á fotografía con 20 anos e comezou en serio nela con 25 e sen cámara propia. Esta é só unha circunstancia que amosa como os anos foron modelando un profesional autodidacta de férrea disciplina. El preferiu sempre traballar directamente co cliente, a partir de 1988 dende o seu estudo na rúa Nova, para facer avanzar a súa particular mirada. Ademais da súa amada cidade natal, os repertorios máis recoñecidos del son as series de celebracións relixiosas populares que abranguen medio século de historia. 

Máis información

Próximos eventos Ver axenda