Debate sobre «Carrusel» de Berta Dávila

Data
Martes, 26 de outubro de 2021
Horario
18.00h
Lugar
Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago
Compartir

Os martes, 19 (grupo 1) e 26 de outubro (grupo 2), ás 18h no Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago (Pr. Salvador Parga, 4, 2º) terán lugar as primeiras sesións do novo curso do Club de Lectura do Ateneo de Santiago, onde se comentará a obra Carrusel de Berta Dávila.

Gañadora en 2019 do Premio da Crítica e do Premio García Barros, esta obra conta a historia dunha escritora que atravesa unha crise creativa e decide elaborar un relato do seu percurso vital coa intención de encontrarlle sentido a un pasado difícil, marcado pola doenza mental que padece. Enfrontar as propias pantasmas nun libro lévaa a mergullarse no pouso íntimo das vivencias que o tempo deixou atrás e nas afinidades ignotas e inusitadas que elaboran as lembranzas da súa historia familiar e persoal. Só así será quen de afondar na súa condición de enferma, na súa relación co imprevisible tío Carlos, que sofre a mesma doenza, e tamén na súa experiencia coa maternidade e coa perda de seres queridos. É posible que iso a axude a dar significado ao pasado e a entender o futuro, mais ningún futuro está escrito e, moito menos, o de quen escribe para intentar salvarse.

Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) é autora de poemarios como Corpo baleiro (2007) e Raíz da fenda (2013, Premio Johán Carballeira, Premio da Crítica española, Premio da AELG). No eido da narrativa, iniciouse con Bailarei sobre a túa tumba (Premio Biblos de Novela, 2008), á que seguiu o libro de relatos A arte do fracaso (2010), traducido para o castelán e o xaponés. Recibiu o Premio de Narrativa Breve Repsol en 2013 por O derradeiro libro de Emma Olsen, obra que tamén obtivo o Premio Ánxel Casal ao mellor libro de ficción 2013. En 2014 foi nomeada pola AGE autora do ano.

Próximos eventos Ver axenda