Visita guiada á exposición «MIRAR DE NOVO. A muller contra o tempo»

Data
Sábado, 23 de outubro de 2021
Horario
11.30h
Lugar
Centro Obra Social Abanca (Pr. Cervantes)
Ateneo Viaxeiro
Compartir

O sábado, 23 de outubro, ás 11.30h o Ateneo de Santiago realizará unha visita guiada gratuíta á exposición do Centro Social Abanca (Pr. Cervantes) «MIRAR DE NOVO. A muller contra o tempo». 

As prazas son limitadas polo que todo aquel que queira participar deberá inscribirse no enderezo ateneo@ateneodesantiago.gal, tendo preferencia de admisión os/as socios/as do Ateneo. A data límite para anotarse é o venres, 22 de outubro, ás 12h.

Baixo o comisariado dos especialistas en arte David Barro e Diego Cascón Castro, a mostra está constituída por 32 pezas realizadas por 29 mulleres, unha selección de obras pertencentes ás coleccións de arte ABANCA e Afundación, aos que se suman, en calidade de cesións, creacións procedentes de museos de prestixio como o Museo de Bellas Artes de Asturias.

«Mirar de novo. A muller contra o tempo» constitúe unha proposta de reformulación da tradicional mirada ao canon da historia da arte, centrando o foco en creadoras que, contrariamente á tradicional exclusión das mulleres, si obtiveron recoñecemento amplo polo seu traballo. Nesta ocasión proponse un novo enfoque que permite facernos conscientes da creación feminina, tan frecuentemente ignorada, no panorama artístico dende finais do século XIX ata finais do século XX. Ademais, esta mostra permite visualizar o grao de marxinalización ao que estas creadoras foron sometidas, mesmo cando foron elas as que abriron novas e interesantes vías para explorar tendencias artísticas rompedoras. 

Maruxa Mallo, Julia Minguillón, Menchu Lamas, Berta Cáccamo, Elena Colmeiro, Maria Blanchard, Pamen Pereira, Helena Almeida, Carmen Calvo, María Xosé Díaz, Susana Solano, Soledad Sevilla, Tatiana Medal, Antía Moure, Mónica Alonso, Shirin Neshat, Fiona Rae, entre moitas outras, son algunhas das artistas cuxas obras están presentes nesta mostra.

Máis información

Próximos eventos Ver axenda