Debate sobre «Historia dunha granxa africana» de Olive Schreiner

Data
Martes, 22 de febreiro de 2022
Horario
18.00h
Lugar
Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago
Compartir

Os días, 1, 8, 15 e 22 de febreiro, ás 18h no Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago (Pr. Salvador Parga, 4, 2º) terán lugar novas sesións do Club de Lectura do Ateneo de Santiago, onde se comentará a obra Historia dunha granxa africana de Olive Schreiner.

O escenario da historia é unha granxa bóer na semidesértica rexión do Karoo. É alí onde transcorre a infancia de Em, Lyndall e Waldo, dúas nenas e un neno que medran nun mundo inhóspito e cheo de limitacións por mor da relixión, das duras condicións de vida ou do rol reservado ás mulleres. Non hai polo tanto paisaxes exóticas ou idealizadas nin aventuras extravagantes, senón o desencanto e a mirada crítica sobre un mundo no que rara vez os soños lle gañan a partida á crueldade.

Olive Schreiner (Wesley, 1855-Wynberg, 1920) foi unha escritora, pacifista e política activista surafricana. O seu interese polos dereitos humanos, en especial polos da muller levouna a participar en numerosas mobilizacións a prol das garantías e igualdades económicas e sociais entre ambos os dous sexos. Creceu na estación da Sociedade Misioneira de Wesley en Cabo do Leste, Sudáfrica. Tivo unha dura infancia, a súa nai, inculcáballes aos seus fillos un ensino estrito baseado na autodisciplina, un sistema que ela mesma tivera que seguir e respectar na súa mocidade. O seu libro máis famoso foi Historia dunha granxa africana, publicada co pseudónimo de Ralph Iron mentres Schreiner estaba en Inglaterra, tivo un éxito inmediato, chegando a ser aceptada polos círculos literarios e políticos do país como abanderada dos dereitos da muller. Coñeceu e casou con Samuel  Cronwright e traballaron a favor de diversas causas políticas. En 1911, publicou As mulleres e o traballo, no que atacou o “parasitismo sexual” dos homes. Viviu os seus últimos anos en Inglaterra separada do seu marido e volveu a Sudáfrica en 1920 onde morreu.

Próximos eventos Ver axenda