Mesa redonda «A problemática real da demografía galega» con Antía Pérez Caramés e Isidro Dubert

Data
Luns, 18 de abril de 2022
Horario
19.30h
Lugar
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
Máis información

Acceso libre ata completar a capacidade da sala

Sociedade Civil
Compartir

O luns, 18 de abril, ás 19.30h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela unha mesa redonda, organizada pola Sección Sociedade Civil, titulada «A problemática real da demografía galega», que contará coa participación de Antía Pérez Caramés, Profesora de Socioloxía da Universidade da Coruña, e Isidro Dubert, Catedrático de Historia Moderna da USC.

Antía Pérez Caramés é Profesora de Socioloxía na Universidade da Coruña. Forma parte do Equipo de investigación Sociedades en Movemento (ESOMI), un grupo de investigación especializado nos estudos migratorios, e tamén do Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEXEF). As súas liñas de investigación enfócanse cara ao estudo dos procesos migratorios, o envellecemento demográfico e as relacións de xénero e os coidados. Neste marco ten desenvolvido investigacións en torno ás dinámicas migratorias recentes en España, cunha énfase particular na nova vaga migratoria, así como tamén no retorno de inmigrantes. Tamén ten desenvolvido traballos sobre o proceso de envellecemento da poboación galega e as novas políticas demográficas. Na actualidade está a dirixir un proxecto de investigación sobre a relación das crises coas dinámicas migratorias e outro sobre as familias migrantes caboverdianas que residen en Galicia. 

Isidro Dubert traballa como catedrático de Historia na Universidade de Santiago de Compostela, onde dirixe o grupo de investigación de Historia Moderna e é director e fundador da revista especializada Obradoiro de Historia Moderna. É membro do consello de redacción de Annales de Démographie Historique. Foi profesor invitado na École des Hautes Études en Sciences Sociales (EHESS) de París en 2014-2015. Estes últimos anos, as súas liñas de investigación xiraron arredor da historia da familia, das migracións campo-cidade, da historia da vellez e o avellentamento poboacional, da mortalidade e da sexualidade pre e extramarital. Os resultados das súas investigacións apareceron publicados, entre outras revistas especializadas, en Journal of Family History, Gender & History, Continuity and Change, Revista de Demografía Histórica ou Annales de Démographie Historique. Recentemente editou o libro colectivo, A morte de Galicia (Vigo, Edicións Xerais, 2019), e con Antía Pérez-Caramés veñen dar ao prelo, Invasión migratoria y envejecimiento demográfico: dos mitos contemporáneos (Madrid, Ediciones La Catarata, 2021).

Próximos eventos Ver axenda