Visita guiada á exposición «A Minerva Compostelá. As súas glorias» no Colexio de Fonseca

O venres, 21 de xaneiro, ás 19.00h o Ateneo de Santiago realizará unha visita á exposición «A Minerva Compostelá. As súas glorias», situada no Colexio de Fonseca, que estará guiada polo seu Comisario José Manuel García Iglesias.

As prazas son limitadas polo que todo aquel que queira participar deberá inscribirse no enderezo ateneo@ateneodesantiago.gal, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude e tendo preferencia de admisión os/as socios/as do Ateneo. A data límite para anotarse é o mércores, 19 de xaneiro.

Esta exposición mostra parte da historia da USC, recreando espazos do pasado que seguen, dalgún xeito, presentes. No Salón Artesoado evócase a súa antiga biblioteca, cos vinte e dous retratos que a adornaban orixinalmente no ano 1882; na Capela alúdese á presenza dos vítores nos contextos universitarios, mostrando, a través dunha galería de personaxes ilustres dos séculos XIX e XX, unha parte de quen foron os seus protagonistas; e na sancristía faise unha presentación do Museo Virtual da USC, mostrado, por outra banda, nas dúas salas a través de códigos QR alusivos ao que alí pode verse. 

Próximos eventos Ver axenda