Visita á Fundación Jove e á exposición Peter Lindbergh na Coruña

O venres, 18 de febreiro, o Ateneo de Santiago realizará unha viaxe á cidade da Coruña, que inclúe as seguintes visitas:

9.30h. Saída da Rúa da Rosa de Santiago.

MAÑÁ. Visita guiada á Fundación María José Jove.
A Fundación María José Jove é depositaria dunha destacada colección de arte, que abarca obras dos séculos XIX, XX e XXI e que constitúe unha novidosa ferramenta de inclusión social. Arrancando co romanticismo e outros movementos decimonónicos, así como o clasicismo da Escola de Roma, posúe unha significativa representación do foco artístico catalán e unha interesante nómina de pintores galegos e personalidades independentes. O cubismo dos anos 20 de Picasso abre o capítulo da Escola de París, onde se inclúen artistas como Salvador Dalí, Maruja Mallo e Eugenio Granell, que tamén conviviron coas vangardas internacionais dos anos 30 e 40, pechando este capítulo vangardista Joan Miró e Picasso. Conta tamén cunha importante colección de pintura galega centrada na Xeración dos Renovadores, con obras de Castelao, Colmeiro, Luís Seoane, Díaz Pardo ou Laxeiro. A colección, en constante evolución, adéntrase no século XXI da man de creadores como Cristina Garrido, Paloma Polo, Almudena Lobera, Rubén Ramos Balsa ou a mexicana Sofía Táboas.

Comida.

TARDE. Visita guiada á exposición «Peter Lindbergh. Untold Stories».
Esta exposición abrangue unha selección de 152 fotografías da obra de Peter Lindbergh, recoñecido como un dos fotógrafos contemporáneos máis influentes do mundo. Ademais de incluír imaxes dende principios dos anos 80 ata a súa morte en setembro de 2019 publicadas en revistas de renome internacional, esta colección tamén contén numerosas instantáneas que nunca se expuxeron antes. A mostra revela como a súa obra transformou os estándares convencionais da fotografía de moda nuns tempos de excesivo retoque.

O prezo da viaxe roldará os 35-40€ por persoa, incluíndo autobús, comida e visitas, e os cales se aboarán directamente o mesmo día da visita. As persoas que non sexan socias do Ateneo deberán pagar un suplemento de 10€. As inscricións deberán realizarse no enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.gal ata o martes, 15 de febreiro, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude e tendo preferencia de admisión os/as ateneístas.

Próximos eventos Ver axenda