Proxección da película «A clase»

Data
Martes, 19 de abril de 2022
Horario
19.00h
Lugar
Sede Afundación (Rúa do Vilar, 19)
Máis información

Acceso libre ata completar a capacidade da sala

MOSTRA INTERNACIONAL DE CINE E EDUCACIÓN (CINEDUCA)

Compartir

O martes, 19 de abril, ás 19.00h o Ateneo de Santiago ten programada na sede de Afundación (Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela) a proxección da película «A clase» (Entre les murs) de Laurent Cantet. Esta proxección, comprendida dentro da Mostra Internacional de Cine e Educación (CINEDUCA), estará presentada e comentada por Miguel Zabalza, Catedrático de Didáctica e Organización Escolar da USC.

A clase (Entre les murs)
Francia, 2008. Director: Laurent Cantet
François é un mozo, profesor de lingua francesa nun instituto conflitivo, situado nun barrio marxinal. Os seus alumnos teñen entre 14 e 15 anos e non dubida en enfrontarse a eles en estimulantes batallas verbais, pero a aprendizaxe da democracia pode implicar auténticos riscos. Ao comezar o curso, os profesores, cheos de boas intencións, desexosos de dar a mellor educación aos seus alumnos, ármanse contra o desalento. Pero a abismal diferencia de cultura e de actitude chocan violentamente nas aulas, que non son máis que un microcosmos da Francia contemporánea. Por moi divertidos que sexan ás veces os alumnos, os seus comportamentos poden cortar de raíz o entusiasmo dun profesor. A tremenda franqueza de François sorprende aos seus alumnos pero o seu estrito sentido da ética periga cando os rapaces empezan a non aceptar os seus métodos.

Miguel Zabalza Beraza é Licenciado en Psicoloxía e Pedagoxía e Doutor en Psicoloxía pola Universidade Complutense de Madrid. Doutor Honoris Causa polo IME de Oaxaca (México) e pola Pontificia Universidade Católica de Río Grande do Sul (PUCRS) de Porto Alegre (Brasil), tamén é Profesor Honorario da Universidade de Villa María (Arxentina). Actualmente é Catedrático de Didáctica e Organización Escolar e Profesor emérito da USC, onde tamén foi Decano da Facultade de Ciencias da Educación, director do Instituto de Ciencias da Educación, membro do Claustro e da Xunta de Goberno e membro da Comisión de Calidade. Ocupa os cargos de Presidente de AIDU (Asociación Iberoamericana de Didáctica Universitaria), REDU (Red de Docencia Universitaria) e do Instituto Latinoamericano de Estudios de la Infancia (ILAdEI) e de director da súa revista RELAdEI (Revista Latinoamericana de Educación Infantil). Forma parte do Editorial Board da revista European Early Childhood Educational Reserach Journal e do Consello de redacción da revista BORDON.

Esta actividade enmárcase no programa Cultura por alimentos de Afundación, a Obra Social ABANCA, en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos, co obxectivo de contribuír, a través de doazóns, a incrementar os recursos dos Bancos de Alimentos de Galicia. Convidamos a todos os asistentes a colaborar con esta campaña solidaria mediante a doazón de alimentos non perecedoiros, os cales se poderán depositar na entrada da sede da Rúa do Vilar.

Próximos eventos Ver axenda