Proxección da película «Os nenos de San Xudas»

Data
Martes, 10 de maio de 2022
Horario
19.00h
Lugar
Sede Afundación (Rúa do Vilar, 19)
Máis información

Acceso libre ata completar a capacidade da sala

MOSTRA INTERNACIONAL DE CINE E EDUCACIÓN (CINEDUCA)

Compartir

O martes, 10 de maio, ás 19.00h o Ateneo de Santiago ten programada na sede de Afundación (Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela) a proxección da película «Os nenos de San Xudas» (Song for a raggy boy) de Aisling Walsh. Esta proxección, comprendida dentro da Mostra Internacional de Cine e Educación (CINEDUCA), estará presentada e comentada por Manuela Palacios, Profesora de Filoloxía Inglesa, experta en literatura e cultura irlandesa.

Os nenos de San Xudas (Song for a raggy boy)
Irlanda, 2003. Director: Aisling Walsh
Baséase na novela autobiográfica de Patrick Galvin, “Song for a raggy boy” (Canción para un neno pobre). Baseada en feitos reais, é a historia do valor dun home para erixirse e loitar contra o duro réxime nun reformatorio irlandés de mozos en 1939. William Franklin é un profesor que se dispón a volver ao traballo tras a morte da súa muller na Guerra civil española, onde ambos loitaron nas Brigadas internacionais. Contratado por un colexio católico de Irlanda, pronto Franklin comeza a simpatizar cos seus estudantes e a desconfiar dos monxes que os tratan con man de ferro. Pouco a pouco vai descubrindo un universo en cada alumno onde predomina o ser humano.

Manuela Palacios González, Profesora Titular de Literatura Inglesa na USC, dirixiu cinco proxectos de investigación centrados no estudo da literatura irlandesa e galega contemporánea, editando e coeditando varios libros e números especiais de revistas. Ten tamén publicadas traducións de poesía e ficción europea e árabe, monografías sobre a imaxinería pictórica en Virginia Woolf e en Richard III de Shakespeare, así como artigos sobre ecocrítica. Dende 2020 é membro do College of Expert Reviewers da European Science Foundation.

Esta actividade enmárcase no programa Cultura por alimentos de Afundación, a Obra Social ABANCA, en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos, co obxectivo de contribuír, a través de doazóns, a incrementar os recursos dos Bancos de Alimentos de Galicia. Convidamos a todos os asistentes a colaborar con esta campaña solidaria mediante a doazón de alimentos non perecedoiros, os cales se poderán depositar na entrada da sede da Rúa do Vilar.

Próximos eventos Ver axenda