Mesa redonda «Educación e maltrato» con Manuel Armas, Esther M. Piñeiro e Madó Domínguez

Data
Luns, 9 de maio de 2022
Horario
19.30h
Lugar
Sede Afundación (Rúa do Vilar, 19)
Máis información

Acceso libre ata completar a capacidade da sala

MOSTRA INTERNACIONAL DE CINE E EDUCACIÓN (CINEDUCA)

Compartir

O luns, 9 de maio, ás 19.30h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela a mesa redonda «Educación e maltrato», que contará coa participación de Manuel Armas, Coordinador dos equipos de orientación escolar para problemas de conduta; Esther Martínez Piñeiro, Directiva das ANPAS; e Madó Domínguez, Psiquiatra Infantil. Esta actividade, comprendida dentro da Mostra Internacional de Cine e Educación (CINEDUCA), estará presentada por Miguel Zabalza, Catedrático de Didáctica e Organización Escolar da USC.

Manuel Armas Castro, Doutor en Ciencias da Educación e coordinador do Equipo de Orientación Específico da provincia da Coruña, posúe unha amplísima experiencia profesional en Orientación Educativa en Galicia, tendo desempeñado un papel reitor no deseño do Protocolo de consenso sobre TDAH na infancia e adolescencia (2014) e do Plan de prevención do suicidio en Galicia e do seu Protocolo de prevención e intervención do risco suicida (2017). así como na elaboración do tratamento do proceso de dor nos centros educativos.

Esther Martínez Piñeiro, Licenciada en Pedagoxía pola USC, especializouse en Intervención Socioeducativa, ámbito de formación, intervención e investigación. Realizou os cursos de doutorado no Departamento de Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación (MIDE), defendendo a súa tese doutoral sobre a avaliación da Formación Ocupacional en Galicia, pola que obtivo o Premio Extraordinario de Doutorado correspondente a ese ano. Compaxinou a súa actividade docente e investigadora co cargo de Vicedecana de Coordinación do Practicum e dos Proxectos de Mellora da Calidade da Facultade de Ciencias da Educación durante o período 2003-2006. Na actualidade é Profesora Titular do Departamento de MIDE da USC e coordina o curso ponte do Grao de Educación Social, ademais de ser a representante da comunidade universitaria no Padroado da Fundación USC Deportiva.

María Dolores Domínguez Santos, Licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago, especializada en Psiquiatría, e Doutora en Medicina e Cirurxía pola mesma Universidade, desempeña o traballo de Psiquiatra no Sergas dende 1999. Ten impartido docencia de Psicoloxía Médica, Psiquiatría e Clínica Psiquiátrica na Facultade de Medicina da USC e no Instituto de Criminoloxía, así como no Programa interuniversitario de Neurociencia (Programa de calidade (ANECA). Ademais, interviu en numerosos cursos e seminarios e desenvolveu varios proxectos de I+D sobre psiquiatría infantil e adolescente.

Esta actividade enmárcase no programa Cultura por alimentos de Afundación, a Obra Social ABANCA, en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos, co obxectivo de contribuír, a través de doazóns, a incrementar os recursos dos Bancos de Alimentos de Galicia. Convidamos a todos os asistentes a colaborar con esta campaña solidaria mediante a doazón de alimentos non perecedoiros, os cales se poderán depositar na entrada da sede da Rúa do Vilar.

Próximos eventos Ver axenda