Presentación do libro «Paseata arredor da morte» de Domingo García-Sabell
- Data
- Venres, 22 de abril de 2022
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Entrada libre ata completar a capacidade da sala
O venres, 22 de abril, ás 19.30h, terá lugar na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, a presentación do libro «Paseata arredor da morte» de Domingo García-Sabell. No acto, que estará presentado polo Presidente do Ateneo de Santiago Manuel López-Rivadulla, participarán:
- Teresa García-Sabell, filla do autor
- Andrés Torres Queiruga, Doutor en Filosofía e Teoloxía
- Víctor F. Freixanes, Presidente da Real Academia Galega
- Antón Vidal Andión, Presidente da Editorial Galaxia
- Siro López, debuxante
Partindo da analítica existencial heideggeriana (o home como “ser para a morte”) e da súa longa experiencia médica, Domingo García-Sabell pasea neste libro arredor do misterio da morte. Misterio, pero tamén feito material, físico, visible, humano. Da tensión entre estes dous polos conceptuais xorde este excepcional ensaio que só aspira, coa humildade que o propio tema demanda, a botar un chisco de entendemento racional sobre o fenómeno da morte, un dos últimos tabús da nosa sociedade.
Domingo García-Sabell, nado en Santiago de Compostela en 1909 e falecido na Coruña en 2003, é unha das figuras máis recoñecidas e respectadas do pensamento galego do século XX. Destacou no ámbito da medicina en temas de metabolismo e nutrición e entre 1981 e 1996 foi delegado do Goberno en Galicia. Na súa produción como escritor elaborou numerosas biografías de artistas e intelectuais de Galicia e de fóra do país e tratou temas como o erotismo, a morte e a saudade. Ocupou cargos como presidente da Real Academia Galega e da Editorial Galaxia e foi académico numerario das academias de Belas Artes, Ciencias e Medicinia e Cirurxía e conselleiro da Fundación Penzol. Obtivo, entre outros recoñecementos, o Premio das Artes e das Letras de Galicia (1998).