O sábado, 21 de maio, o Ateneo de Santiago realizará unha viaxe á comarca do Ribeiro, que inclúe as seguintes visitas:

8.30h. Saída da Rúa da Rosa de Santiago.

MAÑÁ:

Visita guiada ao Castro de San Cibrao de Las
Coñecido como A Cidade, é un dos castros máis grandes de Galicia. Ten un alto estado de romanización con moitas edificacións de planta rectangular e máis amplas, a diferenza doutros. Conta con dobre muralla cun profundo foso no medio e nalgúns puntos incluso triple, ademais de ser máis ancha do habitual e transitable. Ten unha interesante fonte alxibe. 

Visita guiada a Ribadavia
Situada á beira do ría Avia, posúe un dos cascos antigos mellor conservados de Galicia, declarado Monumento Histórico Artístico en 1947. Antiga capital do Reino de Galicia durante a época medieval e berce do viño do Ribeiro, un dos seus principais puntos de interese é a antiga xudería.

Xantar no restaurante A Comanda (Ribadavia). Menú:
   - Primeiros:
            Empanada caseira de lacón con grelos e chourizo
            Mexilóns ao vapor da ría de Aldán
   - Segundo (a elixir, debe indicarse na solicitude de inscrición):
            Carrilleira de tenreira galega ao viño tinto Ribeiro sobre cama de patacas
            Bacallau no punto de sal con salsa de pementos do piquillo acompañado de patacas panadeira
   - Sobremesa (a elixir no propio local):
            Flan de chocolate
            Flan de licor café
            Torta de queixo ao forno
            Cañas fritidas
            Xeado artesán
   - Inclúe pan e 1 bebida (refresco, auga ou 1 copa de viño)

TARDE:

Visita guiada ao Museo do Viño (Santo André)
Situado na casa reitoral de Santo André de Camporredondo, construída no século XVIII como casa de priorado para explotación vitícola dependente do Mosteiro de San Martiño Pinario, forma un conxunto monumental de singular relevancia e particular significado. A exposición permanente está dedicada ao cultivo da vide e ao proceso produtivo do viño ao longo da historia en Galicia. Por unha banda, a vinicultura (técnicas e sistemas do cultivo da vide) e, por outra, a viticultura (técnicas e coñecementos da elaboración do viño). 

Visita con cata á Adega de colleiteiro “Canción para Elisa” en Esposende
Adega familiar que conta con preto de 1,2 hectáreas cun 80% de Treixadura e o resto Albariño e Godello, en brancos, e Caiño, Brencellao e Sousón en tintos. Dispón dunha sala de catas con pinturas do artista ourensán Xosé Eladio e unha decoración que recupera e reutiliza elementos do seu patrimonio adegueiro.

Visita guiada á Encomenda de Beade 
O conxunto arquitectónico consta do Palacio da Encomenda (construído nos primeiros anos do século XVI con elementos tradicionais do gótico tardío combinados con pequenos atisbos renacentistas), un Vía Crucis (formado por 14 cruceiros de distintas características e distribuídos de forma desordenada), do que forma parte o Calvario (conxunto de 3 cruceiros do século XVIII que representan o Cristo crucificado así como o bo ladrón e o mal ladrón), a Igrexa de Santa María (construída no século XVI sobre os restos dunha edificación románica e que contén tamén elementos do Renacemento e do Barroco, constituíndo un dos conxuntos que mellor expresan a evolución da arte funeraria en Galicia) e a Capela de San Roque (coa figura do santo representada coa cuncha de peregrino).

Visita con cata á Adega “Arco da vella” (Beade)
Entre outros premios, esta adega foi recoñecida coa Distinción Gallaecia en 2005 e 2009, co terceiro Premio Tintos de Colleiteiro na Cata Oficial da XLIV Feira do Viño do Ribeiro e co Premio Acio de Prata 2009 de Colleiteiro da Cata Oficial de Viños de Galicia. Ademais, o viño tinto Tarabelo obtivo en 2008 a Mención de Honra Tinto na XLV Feira do Viño do Ribeiro.

Regreso á Rúa da Rosa de Santiago. Chegada aproximada ás 20.45h.

O prezo da viaxe roldará os 45€ por persoa, incluíndo autobús, xantar e visitas, e os cales se aboarán directamente o mesmo día da visita. As persoas que non sexan socias do Ateneo deberán pagar un suplemento de 15€. As inscricións deberán realizarse no enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.gal ata o martes, 17 de maio, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude e tendo preferencia de admisión os/as ateneístas.