Visita á costa norte galega: Patrimonio e natureza. Cervo, Viveiro, Cariño

Os días 16 e 17 de xuño o Ateneo de Santiago realizará unha viaxe pola costa norte galega, co seguinte programa:

XOVES, 16 DE XUÑO:

8.30h. Saída da Rúa da Rosa de Santiago.

MAÑÁ:

Visita á Basílica de San Martiño (Foz)
Considerada a primeira catedral de España (data do século IX), foi sede dos bispados do reino de Galicia. O edificio actual é románico de finais do século XI e os recios contrafortes son obra do século XVIII. Dende o ano 1931 está catalogada como Ben de Interese Cultural e no ano 2017 recibiu a categoría de basílica. 

Visita á Fábrica e Museo de Sargadelos (Cervo)
Cervo, municipio da provincia de Lugo, na comarca da Mariña Occidental, do cal se independizou a localidade de Burela en 1994. A importancia das minas de caolín próximas foi decisiva para o establecemento das fábricas de cerámica. Destaca o Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, formado polo Museo Histórico de Sargadelos  e as Fábricas de Louza. A inicial fábrica de louza foi fundada por Raimundo Ibañez, marqués de Sargadelos no século XVIII. A mediados do século XX Isaac Díaz Pardo e outros colaboradores do chamado “grupo de Sargadelos” redundaron e impulsaron as fábricas de cerámica e louza ademais de diferentes actuacións artísticas e culturais; e 2014 cesaron ditas actividades durante un tempo, por diversas causas, pero actualmente estase tratando de seguir co museo e con actividade produtiva. 
Pequeno percorrido do Paseo dos Namorados.

Xantar na Taberna Sargadelos. Menú:
           Primeiro prato: Caldo galego ou ensaladilla
           Segundo prato: Pescada á galega ou lacón á feira
           Sobremesa e bebida

TARDE:

Entrada no aloxamento Hotel Viveiro Urban****

Visita guiada pola zona monumental de Viveiro e polo porto de Celeiro
Porta de Carlos V (s. XVI) e restos amurallados. Ponte da Misericordia. Igrexa de Santa María de Viveiro (s. XII). Praza Maior. Prazas. Rúas e outros monumentos. Miradoiro de San Roque.

Cea libre

VENRES, 17 DE XUÑO: Percorrido pola costa

MAÑÁ:

O Barqueiro
Pequeno porto de pescadores con casas de cores con vistas á ría do mesmo nome, a máis pequena de Galicia.

Porto de Bares e Estaca de Bares
Situado a 101 metros de altura, atópaseo faro máis setentrional da península Ibérica, nun montículo chamado “Vintureiro”, que se prolonga ata a “punta de Estaca de Bares”, fronteira imaxinaria de unión do Océano Atlántico e o Mar Cantábrico. A torre ten unha altura de 33 m e a luz do faro ten un alcance de 35 millas náuticas. Está en funcionamento dende 1850, téndose instalado un radiofaro en 1939. En 1998 eliminouse este e instalouse un DGPS ata a actualidade. Dende 1993 depende da autoridade portuaria de Ferrol. Nas súas proximidades estivo operativa ata 1991 a Base militar americana de Loran.

Miradoiro de Coitelo - Cantís de Loiba
Vista dos cantís dende o “banco de loiba”, con sorprendentes formacións rochosas sobre o mar, e o coñecido como “O banco máis bonito do mundo”, situado na costa de Loiba.

Xantar en Cabo Ortegal. San Xiao. Menú:
           Entrantes: berberechos con patacas, mexilóns e croquetas.
           Prato principal a elixir: 
                      Churrasco de porco e de tenreira, patacas fritidas e ensalada. 
                      Caldeirada de raia (especialidade da casa).
           Auga, viño da casa, refrescos e doces caseiros.

TARDE:

Cariño
Municipio no extremo norte da provincia da Coruña, na comarca de Ortegal. Limita coa  Serra da Capelada e a ría de Ortigueira, co Cabo Ortegal como accidente xeográfico máis destacado. Porto pesqueiro de importancia, foi lugar destacado de industrias pesqueiras e conserveiraS, hoxe en proceso de recuperación.

Cabo Ortegal 
Une o Océano Atlántico co Mar Cantábrico. Vista panorámica dos Aguillóns, tres peñascos afiados pola acción do mar, onde os percebeiros arriscan a súa vida para conseguir os percebes. Con gran valor xeolóxico, morfolóxico e ornitolóxico e paisaxístico chamada “Costa Ártabra”.

Ría de Ortigueira
Cun dos estuarios máis importantes do norte de España.

Serra da Capelada e San Andrés de Teixido 
Un emblema na costa coruñesa, cos acantilados máis altos de Europa están próximos á Serra da Capelada, con cabalos salvaxes e o santuario de San Andrés de Teixido, con curiosos exvotos.

Regreso á Rúa da Rosa de Santiago. Hora aproximada de chegada: 21h.

O prezo da viaxe roldará os 140€ por persoa en habitación dobre, cun suplemento de 30€ para as persoas que non sexan socias do Ateneo. 
O prezo inclúe:
   - Autobús.
   - 1 noite no Hotel Viveiro Urban en habitación dobre en réxime de aloxamento e almorzo.
   -2 comidas en grupo.
   - Visitas
O prezo non inclúe:
   - Cea.

As inscricións deberán realizarse no enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.gal ata o domingo, 5 de xuño, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude e tendo preferencia de admisión os/as ateneístas. No momento da inscrición deberá indicarse as eleccións dos menús, isto é, o primeiro e segundo prato en Sargadelos e o prato principal en Ortegal. Aqueles que sexan admitidos deberán ingresar o importe da visita antes do prazo que se lle indique no mail de confirmación.

Próximos eventos Ver axenda