Visita guiada á exposición «Cidades no tempo» en Afundación
- Data
- Venres, 10 de xuño de 2022
- Horario
- 19.00h
- Lugar
- Afundación (Rúa do Vilar, 19)
- Máis información
O venres, 10 de xuño, ás 19.00h o Ateneo de Santiago realizará unha visita á exposición «Cidades no tempo», situada na sede Afundación da Rúa do Vilar, 19, a cal estará guiada polo seu Comisario Manuel Gago.
As prazas son limitadas polo que todo aquel que queira participar deberá inscribirse no enderezo ateneo@ateneodesantiago.gal, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude e tendo preferencia de admisión os/as socios/as do Ateneo. A data límite para anotarse é o luns, 6 de xuño.
Esta exposición, que pretende poñer en valor a identidade urbana de Galicia, está composta por sete mostras diferentes, unha por cada unha das principais cidades galegas, reivindicando a Galicia urbana como compoñente clave da identidade galega, cun legado que se remonta séculos na nosa historia. A través de diferentes tecnoloxías que combinan a investigación con desenvolvementos técnicos pensados especificamente para o proxecto, pódese acelerar o tempo das cidades, descubrir patróns visuais ocultos no tecido urbano (no mobiliario urbano, nas rúas, fachadas e ornamentos) ou facer que os veciños conten historias ocultas de espazos urbanos relevantes. Para mostrar e comprender todos estes procesos, utilízanse recursos diversos como os modelos tridimensionais, obxectos históricos, documentos escritos (planos, deseños, proxectos) e audiovisuais, fotografías, ilustracións ou obras de arte. Todos estes elementos están distribuídos a través das seccións Mitos e orixes, Tramas, Escenarios, Patróns, Cidade narrada e Cidade que nos contamos.