ISABELLA LEONARDA. Salmos e motetes (ROBERTA INVERNIZZI / QVINTA ESSENÇIA / MANUEL VILAS)

Data
Venres, 7 de outubro de 2022
Horario
20.30h
Lugar
Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia)
Máis información

Entrada individual: 12€+gastos de xestión

Abono 4 concertos: 35€+gastos de xestión

Venda de entradas

Web Ateneo Barroco

Anexos
PROGRAMA
Compartir

ISABELLA LEONARDA
Salmos e motetes
ROBERTA INVERNIZZI  soprano
QVINTA ESSENÇIA
ÈLIA CASANOVA  soprano
HUGO BOLÍVAR  alto
ALBERT RIERA  tenor
PABLO ACOSTA  baixo
MANUEL VILAS  arpa e dirección
Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia)
Venres 7 outubro 2022
20.30h

Un dos «xenios singulares» que conforman a programación da cuarta edición do festival é a relixiosa italiana Isabella Leonarda. Nada no seo dunha familia nobre, Isabella Leonarda (1620-1704) viviu toda a súa vida no convento de Santa Orsola da súa cidade natal, Novara, cenobio no que ingresou con 16 anos, onde se formou musicalmente e no que produciu unha obra enteiramente sacra entre a que cómpre salientar as súas sonatas da chiesa e os seus motetes que, cando se cumpren 400 anos do seu nacemento, recuperan a soprano milanesa Roberta Invernizzi e Qvinta Essençia (cuarteto vocal barcelonés especializado en polifonía renacentista) coa concepción e dirección musical do compostelán Manuel Vilas (un dos valores seguros nas programacións do Festival Ateneo Barroco), reivindicando a figura de Isabella Leonarda como unha compositora imprescindible do Seicento italiano e da historia da música. Participa por segunda vez Roberta Invernizzi no festival Ateneo Barroco; considerada unha das grandes voces da ópera barroca e da música antiga, o currículo da soprano milanesa fala por si só: máis de 100 discos gravados, incluíndo primicias mundiais e numerosos galardóns; actuacións con directores da talla de Ivor Bolton, Giovanni Antonini, Nikolaus Harnoncourt, Claudio Abbado, Ton Koopman, Gustav Leonhardt, Frans Brüggen, Jordi Savall, Alan Curtis, Fabio Biondi, Rinaldo Alessandrini, Gustavo Dudamel, etc., nos máis coñecidos escenarios de París, Viena, Salzburgo, Londres, Milán, Berlín, etc.

PROGRAMA

ISABELLA LEONARDA(1620-1704)

Salmi concertate, op XIX (Bologna, 1698)
           Confitebor a quattro voci
           Laudate Dominum a quattro voci

Mottetti, op VI (Venezia, 1676)
           Ad te festino  (canto solo)

Mottetti, op VII (Bologna, 1677)
           Litanie della Beata Vergine Maria a quattro voci

Mottetti, op VI (Venezia, 1676)
           Placare Domine (canto solo)
Mottetti, op VII (Bologna, 1677)
           Nive puer(canto solo)

Mottetti, op X (Milano, 1684)
           Gloria in excelsis Deo  (diálogo entre anxos e pastores)

Nace Isabella Leonarda en Novara, no seo dunha familia nobre, o 6 de setembro de 1620. Aos 16 anos de idade ingresa no convento de Santa Orsola da súa cidade natal, convento que non abandonará até o fin dos seus días, falecendo o 25 de febreiro de 1704. Probablemente recibiu clases de música, tanto dalgunha monxa do convento como de Gasparo Casati, mestre de capela da Catedral de Novara entre 1635 e 1641. A súa enteira produción musical é sacra, salientando os seus motetes e as súas sonatas da chiesa. En 2020 cumpríronse 400 anos do nacemento desta compositora, á que se rende homenaxe coa recuperación dunha selección da súa ampla produción musical. Salmos e, sobre todo, motetes para soprano e cuarteto vocal integran esta proposta que pretende visibilizar tanto a obra musical creada por mulleres no Seicento italiano (a famosa Barbara Strozzi nace un ano antes que Isabella Leonarda) como reivindicar e difundir o legado desta compositora imprescindible. O programa inclúe os motetes Nive puer, unha das nanas máis fermosas de todo o barroco italiano, e Gloria in Excelsis Deo, un curiosísimo diálogo entre anxos e pastores con danzas improvisadas intercaladas. 

ROBERTA INVERNIZZI  soprano
Nada en Milán, foi pianista e intérprete de contrabaixo antes de estudar canto baixo a tutela de Margaret Heyward. Roberta Invernizzi é unha das máis solicitadas solistas nos repertorios barroco e clásico. Gran intérprete de Haendel, ten interpretado os papeis de María Magdalena de La Resurrezione no Musikverein de Viena, Medea de Teseo en Karlsruhe, Orianda de Amadigi no Handel Festival de Halle e na Ópera Real de Versalles, Cleopatra de Giulio Cesare coa Orchestra of the Age of Enlightenment, Flavia de Silla no Théâtre des Champs-Elysées e no Konzerthaus de Viena, Emirena de Adriano in Siria en Madrid e Valencia baixo a dirección de Fabio Biondi, Nerone de Agrippina no Teatro Real de Madrid, Armida de Rinaldo dirixida por Ottavio Dantone e posta en escena por Pier Luigi Pizzi na Scala de Milán, etc. No eido da ópera e o teatro lírico, ademais, Roberta Invernizzi ten cantado os roles principais de Dido e Eneas (Teatro Filharmónico de Verona e Teatro Regio de Torino), La Santissima Trinità de Scarlatti, Ercole sul Termodonte de Vivaldi (Théâtre des Champs-Elysées de París), Statira de Cavalli (Teatro San Carlo de Nápoles), Olimpiade de Galuppi (La Fenice de Venecia), L’Orfeo de Monteverdi (na Scala de Milán baixo a dirección musical de Rinaldo Alessandrini e escénica de Robert Wilson e en Turín xunto a Antonio Florio), Il ritorno di Ulisse in patria (Elphilharmonie de Hamburgo con Europa Galante e Fabio Biondi), etc. Roberta Invernizzi canta regularmente no Festival de Salzburgo, onde ten protagonizado Sant’Elena al Calvario de Hasse con Fabio Biondi, Aci, Galatea e Polifemo de Haendel xunto a Giovanni Antonini, Il trionfo del Tempo e del Disinganno (Thomas Haselböck), Isacco de Jommelli, a Misa en do menor (Gustavo Dudamel) e a Misa do Orfanato (Claudio Abbado) de Mozart, etc. Tamén cómpre salientar as súas colaboracións co Musikverein de Viena e o Styriarte Festival de Graz (obras de Mozart baixo a dirección de Nikolaus Harnoncourt), co Mozarteum de Salzburgo (recitais con repertorio barroco con Il Giardino Armonico) ou co Teatro alla Scala de Milán (Stabat Mater de Pergolesi con Ottavio Dantone e o prestixioso concerto de Nadal dirixido por Giovanni Antonini). Roberta Invernizzi ten traballado con directores da talla de Ivor Bolton, Giovanni Antonini, Nikolaus Harnoncourt, Claudio Abbado, Ton Koopman, Gustav Leonhardt, Frans Brüggen, Jordi Savall, Alan Curtis, Fabio Biondi, Antonio Florio, Rinaldo Alessandrini, Ottavio Dantone, etc., e actuado con orquestras da reputación de Concentus Musicus Wien, Orchestra Mozart, Accademia Bizantina, Il Giardino Armonico, Cappella della Pietà de’ Turchini, Concerto Italiano, Europa Galante, Ensemble Matheus, Venice Baroque Orchestra, I Barocchisti, etc. Roberta Invernizzi ten gravado máis de 100 discos (Sony, Deutsche Gramophone, EMI/Virgin, Naïve, Glossa, Opus 111), moitos deles primicias mundiais, cos que recibiu galardóns como Diapason d’Or, Choc du Monde de la Musique, Gramophone Award, Goldberg’s Five Stars ou Preis der deutschen Schallplattenkritik. Tamén gañou en 2007 o MIDEM Classical Award e o prestixioso Stanley Sadie Handel Recording Prize polo seu álbum Dolcissimo sospiro e, de novo en 2010, o Stanley Sadie Handel Recording Prize co seu compacto como solista de cantatas italianas de Haendel.

QVINTA ESSENÇIA  cuarteto vocal
Qvinta Essençia, grupo vocal especializado en polifonía do Renacemento, nace en Barcelona coa inquietude de contribuír á recuperación e difusión dun rico patrimonio musical do que aínda queda moito por descubrir. O seu interese cara ao repertorio renacentista español guiou os seus primeiros pasos, sendo o seu propósito recrear co máximo rigor obras enmarcadas dentro deste período histórico. Deste xeito, contan habitualmente coa colaboración de músicos especializados en instrumentos propios da música hispánica do século XVI como a vihuela, a arpa española ou a percusión histórica. Asumindo como fundamental o vínculo entre a palabra e a música, dita unión pasa a ser o eixo das súas interpretacións, caracterizadas pola correcta declamación dos textos, a súa comprensión e, sobre todo, pola posta en valor do contido emocional e dramático dos mesmos. Qvinta Essençia iniciou a súa andaina no seo da ESMUC baixo a tutela de prestixiosos intérpretes como Xavier Díaz-Latorre, Pedro Estevan, Lambert Climent e Lluís Villamajó e foi seleccionado polo Fringe Oude Muziek de Utrecht 2008, o Fringe de Barcelona 2009 e IYAP Selected Promising Ensemble 2010. Ten formado parte da programación dalgúns dos festivais máis importantes de España e Europa: Oude Muziek Utrecht, Festival de Montfaucon, Day of Early Music de Lieja, Torroella de Montgrí, Palau de la Música Catalana, Fundación Juan March, Festival de Música Barroca de Albacete, Festival de Música Barroca del Puerto de la Cruz en Tenerife, Sagunt in Excelsis, Festival de la Ribagorza ou Femap. Actualmente abordan programas representativos dos principais compositores e estilos dos séculos XVI, XVII e XVIII, dende a música renacentista española, pasando polos grandes madrigalistas italianos e chegando até Johann Sebastian Bach. En 2019 publicaron o seu primeiro disco, dedicado integramente ao primeiro libro de madrigais de Luca Marenzio. Proximamente estrearán e gravarán xunto a Capella de Ministrers o programa Bataglia e interpretarán o primeiro libro de madrigais de Luca Marenzio no festival Renaixement en Valencia, no ciclo Murcia Músicas Históricas e na segunda edición do ciclo Primavera Musical en Tarragona. 

MANUEL VILAS  arpa e dirección
Nado en Santiago de Compostela, formouse en arpas antigas dos séculos XII ao XVIII en Madrid con Nuria Llopis e en Milán con Mara Galassi. Ten colaborado con numerosos grupos e como solista nos máis importantes festivais de España, Alemaña, Italia, Cuba, Estados Unidos, Ecuador, República Checa, Austria, Noruega, Portugal, Suíza, Paraguai, Francia, Bolivia, Bélxica, Arxentina, Chile, Países Baixos, Colombia, Hungría, etc., ademais de ofrecer conferencias, cursos e clases maxistrais en San Sebastián, Santiago de Chile, Zaragoza, Amherst (Massachussets), Santiago de Compostela, La Habana, A Haia, Quito, Bogotá, etc. Ten colaborado, como acompañante e como solista, en máis de 60 discos de diversos selos discográficos. En 2008 fundou o ensemble Ars Atlántica. É pioneiro na recuperación de arpas antigas hoxe esquecidas, como a arpa dobre da Coroa de Aragón (século XIV), a arpa chiquitana (Bolivia, século XVIII) e a arpa do virreinato de Perú (séculos XVII e XVIII).Unha das súas especialidades é ofrecer recitais con cantantes e ten acompañado a Marta Infante, Guillemette Laurens, Raquel Andueza, Maria Jonas, Isabel Monar, Juan Sancho, Roberta Invernizzi, Olalla Alemán, Mercedes Hernández, María del Mar Fernández Doval, Paloma Gutiérrez del Arroyo, Mariví Blasco, José Antonio López, Isabel Álvarez, Francisco Fernández Rueda, Yetzabel Arias, Monica Piccinini, etc. Foi convidado para representar a España no VI Festival Mundial de Arpa (Asunción, Paraguai), sendo o primeiro arpista en ofrecer un recital de arpa de dúas ordes neste país. Posúe a súa propia canle de youtube, onde se pode ver e escoitar parte do seu proxecto audiovisual no que amosa diversas arpas antigas en diferentes localizacións de Santiago de Compostela (ArpaManuelVilas).

Próximos eventos Ver axenda