Presentación do libro «Volver a Stalingrado» de Xosé M. Núñez Seixas
- Data
- Martes, 18 de outubro de 2022
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Centro Internacional de Prensa (Rúa Nova, 9, Santiago)
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade da sala

O martes, 18 de outubro, ás 19.30h, terá lugar no Centro Internacional de Prensa de Galicia (Rúa Nova, 9, Santiago de Compostela), a presentación do libro «Volver a Stalingrado. El frente del este en la memoria europea, 1945-2021» de Xosé M. Núñez Seixas. No acto participarán:
- Xosé M. Núñez Seixas, autor da obra
- Ramón Villares, Catedrático de Historia Contemporánea da USC
- Xosé Ramón Pousa, Directivo do Ateneo de Santiago
- Pastor Lorenzo, Director Corporativo do CIPG
Volver a Stalingrado reconstrúe as diversas modalidades da lembranza pública e privada da fronte do leste na Europa de posguerra, durante a Guerra Fría, despois da caída do bloque soviético e ata o momento actual. Abarca cunha mirada comparativa a evolución das políticas públicas da memoria nos antigos países contendentes, o culto aos caídos, os heroes e as vítimas, así como as formas de relembranza social, as recreacións literarias, visuais, artísticas e fílmicas da contenda en Alemaña, a URSS e Rusia, o espazo postsoviético, Finlandia, Italia e España, detectando paralelismos e diferencias entre as diversas culturas da memoria. Oitenta anos despois, a sombra da guerra xermano-soviética segue moi presente na memoria e na política europeas, como mostra o conflito entre Ucraína e Rusia desencadeado en 2022.

Xosé M. Núñez Seixas é Catedrático de Historia Contemporánea na USC e Doutor de Historia Contemporánea polo Instituto Universitario Europeo de Florencia. Forma parte dos consellos de redacción das revistas Historia Social e Passato e Presente. Ademais, dende 2018 é Vicepresidente do Consello da Cultura Galega. Está especializado no estudo comparado dos nacionalismos europeos e ibéricos nos séculos XIX e XX, así como nos estudos migratorios e na historia cultural da violencia no século XX.