Presentación do libro «Sentencia» de José Francisco Rodil Lombardía
- Data
- Mércores, 14 de decembro de 2022
- Horario
- 19.00h
- Lugar
- Centro Internacional de Prensa de Galicia (Rúa Nova, 9, Santiago de Compostela)
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade da sala

O mércores, 14 de decembro, ás 19h, terá lugar no Centro Internacional de Prensa de Galicia (Rúa Nova, 9, Santiago de Compostela), a presentación do libro «Sentencia» de José Francisco Rodil Lombardía. No acto participarán:
- Francisco Candela, Vicepresidente do Ateneo de Santiago
- Rafael Pérez de Vega, neto do protagonista da novela
- José Francisco Rodil Lombardía, autor da obra
Sentencia, baseada nun feito real, relata o complot urdido, en 1936, contra o doutor Rafael de Vega Barrera e a feroz inxustiza da que acabou sendo vítima. Nacido en Zazuar (Burgos) en 1889, Rafael de Vega —eminente cirurxián, republicano, masón e home de firme convicción cristiá— exerceu a súa profesión en Lugo, onde se revelou pioneiro en defender e practicar o dereito universal á sanidade pública. Impulsor e director do novo hospital municipal e do seu propio sanatorio, foi tamén deputado ás Cortes Xerais pola circunscrición lucense. Ao inicio da Guerra Civil, os golpistas metérono no cárcere e sometérono a un xuízo sumarísimo. O fiscal pediu para el a pena de morte e a defensa, a libre absolución. A sentencia non deixou a ninguén indiferente.

José Francisco Rodil Lombardía é licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid. Traballou como redactor no diario Informaciones, no departamento de prensa do Ministerio de Administración Territorial, en El Correo Gallego e en Televisión de Galicia. Foi, así mesmo, xefe de control de cadea da CRTVG, director da Voz de Asturias e delegado do Grupo Z en Asturias. Na actualidade, é vocal da Comisión de Garantías da Federación de Asociacións de Xornalistas de España.